En defensa da Paz, non á presencia da OTAN en Marín

Publicado por o día 08/06/2019 na sección de Galicia,Marín

En defensa da Paz, non á presencia da OTAN en Marín

Diante da próxima xuntanza do denominado “equipo técnico da Science and Technology Organization da OTAN” na Escola Naval Militar de Marín e coa colaboración da Universidade de Vigo, desde Mar de Lumes queremos manifestar o seguinte:

Rexeitamos a presencia dunha organización como a OTAN, en Marín e Galiza, que ten un historial de morte, destrución, e inxerencia na soberanía de moitos países.

Non estamos só ante unha xuntanza de traballo dun grupo científico para falares de radares, esta reunión forma parte dunha campaña de propaganda e promoción dunha organización militar. Pretenden vendernos as bondades dunha organización que colabora coa universidade e con científicos, cando o que realmente fai é desenvolver aparellos e tecnoloxías con fins bélicos, e non pacíficos.

A OTAN foi protagonista no ano 1999, durante a denominada Operación Fuerza Aliada, do bombardeo masivo de Iugoslavia. Lanzou 2.300 mísiles e 14.000 bombas sobre o territorio deste estado soberano. Estes bombardeos custaron a vida de máis de 2000 persoas, 88 delas nenos e nenas, e deixaron uns 6,000 feridos. Esnaquizaron 40,000 casas, máis de 300 escolas uns 20 hospitais.

Outro tanto aconteceu máis recentemente no ano 2011 cando a Otan bombardeou Libia, sendo a poboación civil a que máis padeceu estes ataques indiscriminados e inxustificados.

Queren branquear a imaxe dunha OTAN que é un dos instrumentos fundamentais estratexia imperialista dos Estados Unidos. Unha estratexia que é seguida fielmente polo goberno español e o resto dos gobernos membros desta organización.

O que mais lamentamos é que cartos públicos dunha institución educativa como a Universidade de Vigo, cartos que saen de todos e todas nós, sexan adicados a investigar proxectos para unha organización militar. O que necesitamos é un desenvolvemento tecnolóxico, unha investigación, enfocados á mellora das condicións e da calidade de vida das persoas.

Por último reivindicamos a solidariedade entre os pobos en lugar da promoción da guerra, e chamamos a recuperar o vello lema antimilitarista: Otan Non, Bases Fóra!