En Marea A Guarda “nace co obxectivo de ser útiles e ofrecer á veciñanza unha nova forma de facer as cousas para mellorar as súas condicións de vida”

O Centro Cultural da localidade do Baixo Miño acolleu a presentación da nova marea e que contou con Lidia González (EM A Guarda), o deputado Pancho Casal, Peque González (Coordinadora de EM) e con Xoán Lois Vila (Movemento Oia)
Publicado por o día 08/02/2019 na sección de A Guarda,En Marea,Galicia,Política

En Marea A Guarda “nace co obxectivo de ser útiles e ofrecer á veciñanza unha nova forma de facer as cousas para mellorar as súas condicións de vida”

“Hoxe nacemos mirando cara adiante, sen rencores e co obxectivo de ser útiles, de poder ofrecer á veciñanza de A Guarda o que ao noso xuízo debe ser unha nova forma de facer as cousas, mellorar as súas condicións de vida e solucionar os seus problemas”, asegurou esta tarde Lidia González durante a presentación da marea de A Guarda, no Centro Cultural da localidade do Baixo Miño, nun acto no que tamén interviron o deputado Pancho Casal, a coordinadora Peque González e Xoán Lois Vila (Movemento Oia).

“En Marea A Guarda representa un espazo aberto a calquera opinión que escapa das verdades absolutas, e no que toda a veciñanza ten cabida para facer da Guarda unha vila mellor. Tedes as portas abertas”, concluiu Lidia González convidando a todas as veciñas a participar activamente neste proxecto que busca “unha Guarda turística, cultural, comercial e industrial”.

Pola súa banda, Peque González, da coordinadora de En Marea, incidiu no feito de que no espazo do cambio as persoas son o máis importante. “Temos unha forma de facer política máis próxima á xente e por iso convidámosvos a todas e a todos os veciños a participar activamente con En Marea A Guarda. A participación da cidadanía é imprescindible, é o noso ADN”.

Xoán Lois Vila, de Movemento Oia En Marea, mostrou a súa satisfacción por “pertencer a esta familia”. “Un espazo que fai política desde os concellos, desde as persoas, pero que ademáis dános todas as facilidades para que as nosas reclamacións teñan tamén voz no Parlamento e no Congreso”, expliou Vila que tamén animou ás persoas de A Guarda a participar, porque En Marea “daravos todas as facilidades para que os problemas dos veciños non queden no concello, e sexan escoitados” en todas as institucións.

Pechou o acto o deputado Pancho Casal, que negou que En Marea sexa un partido “porque construímos de abaixo a arriba, e porque somos un espazo transversal onde cada marea é autónoma, pero no que todas temos un obxectivo común: mellorar as condicións de vida da xente, que é o noso maior compromiso”, precisou Casal durante a presentación.