En Marea abandona a comisión de Sanidade e denuncia os inaceptables vetos impostos polo PP á investigación parlamentaria sobre a sanidade pública

En Marea, xunto co resto da oposición, tentou negociar un plan de traballo cunha negativa reiterada por parte do PP
Publicado por o día 01/11/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea abandona a comisión de Sanidade e denuncia os inaceptables vetos impostos polo PP á investigación parlamentaria sobre a sanidade pública

En Marea lamenta a bochornosa posición unilateral e absolutamente contraria á negociación que o Partido Popular amosou este mércores na Comisión de Investigación parlamentaria sobre a sanidade pública. Unha postura que evidencia a nula vontade da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo de impulsar unha verdadeira análise das carencias do sistema sanitario; e coa que o PP deixa claro o seu interese por silenciar as voces críticas e o seu desleixo cara aos problemas de centros de saúde, hospitais e PACs. En Marea, xunto co resto dos grupos da oposición, abandonou a comisión de maneira definitiva posto que o PP pretende que sexa un altavoz do goberno.

A pesar dos esforzos da oposición por sacar adiante un plan de traballo consensuado para facer da comisión de investigación un foro realmente útil á hora de identificar carencias e buscar solucións, a tentativa de acordo impulsada por En Marea, PSOE e BNG caiu en saco roto. “O sistema sanitario público pasa por serias dificultades, froito das políticas de recortes dos últimos dez anos. En aras do consenso e do acordo, dende a oposición fixeronse varios intentos de falar co PP. A resposta: a negativa a negociar, mesmo a pesar de terlles ofrecido unha redución das comparecencias propostas polos grupos da oposición. Trasladamos esa proposta conxunta ao PP e non obtivemos resposta. Unha bochornosa situación sen parangón”, tal e como lamenta Eva Solla.

O PP deixou ben claro, ao tentar impoñer o seu plan de traballo e negarse en redondo a negociar nada coa oposición, que non está disposto a realizar a máis mínima autocrítica.

“A pesar de que se di que o Parlamento é a casa de todos, comprobamos que non é así porque hai quen impide que profesionais e usuarios poidan vir comparecer. Hoxe síntome abochornada. Sería unha humillación que os familiares dos enfermos de hepatite C estivesen hoxe aquí”, indica a deputada de En Marea.

“Actúan de maneira pouco democrática, como os matóns de patio de colexio aos que non lles basta con gañar, senón que queren humillar. Non nos humillan a nós, senón ás voces que vetan, ás persoas que sufren os recortes. Que se diga que hai persoas que non poden vir comparecer porque non é interesante que veñan, como mínimo está moi fóra de lugar. Aplican un rodillo antidemocrático. O que está acontecendo hoxe aquí é un auténtico bochorno”, asevera Eva Solla.

Para En Marea resulta inaceptable a actitude do PP, que hoxe  obstaculizou e fixo todo o posible para conseguir que a comisión de investigación sobre sanidade non pudiera desenvolverse con normalidade. “É necesario que as vítimas dos recortes, as persoas que sufriron as listas de espera, poidan vir comparecer. Xa sexan profesionais ou usuarios. Son eles os que mellor poden trasladar a radiografía do que está a acontecer na sanidade”, solicitou Eva Solla.

A vontade de En Marea era respectar as propostas dos catro grupos para dar forma a un plan de traballo consensuado e realmente útil. Nese senso, a formación considera necesario escoitar tamén “aos profesionais da atención primaria e hospitalaria, así como tratar casos concretos como o do hospital de Compostela e tantos outros que levan pasado pola Comisión 5ª do Parlamento. Tamén representantes sindicais e das plataformas en defensa da sanidade pública”.

A proposta de traballo de En Marea avogaba por incluír tamén no listado de comparecentes “aos protagonistas da privatización”; representantes de empresas como Medtronic ou Povisa. “Parécenos importante escoitar os seus puntos de vista. Luz e taquígrafos absolutamente”, indica Eva Solla, que non entende que se vete a comparecencia dos familiares do falecido no PAC da Estrada. “Algo absolutamente cruel”.

En Marea lembra a imperiosa necesidade de buscar solucións á carencias que atraviesa a sanidade pública. E é que, tal e como lembrou Eva Solla, “estamos nunha tesitura na que está habendo descubertos, e podería volver acontecer algo como o sucedido no PAC da Estrada. Debemos tomar medidas”.

En Marea lamenta que o PP se esforzase por deturpar o uso da comisión para convertela “nunha farsa que non sirva para mellorar a sanidade pública senón para seguir recortando dereitos”. E denuncia o inaceptable rodillo aplicado polo PP, pisoteando as propostas da oposición e negándose a negociar.