En Marea abre un proceso participativo e áxil para responder con tempo aos retos das eleccións Municipais e Europeas do 2019

Publicado por o día 09/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea abre un proceso participativo e áxil para responder con tempo aos retos das eleccións Municipais e Europeas do 2019

O Consello das Mareas chegou á noite do venres a un acordo para que, antes do un de xaneiro, a maquinaria electoral estea en marcha e poder así responder con tempo e coa máxima participación aos retos das eleccións municipais do 2019. O Consello estableceu tamén o inicio do procedemento para o Plenario ordinario cos contidos políticos enfocados ás eleccións Europeas; ademais de anunciar o comenzo do proceso de elección do novo Consello das Mareas.

Luís Villares, voceiro de EM, explicou que tamén analizaron a situación do país trala moción de censura e fixeron balance destes tres meses desde que se botou aos corruptos do PP cos seus recortes, e onde o grupo parlamentar no Congreso xa acadou algúns avances importantes, pero que aínda seguen a negociar co novo Goberno de Pedro Sánchez até incluir toda a axenda galega que plantexa En Marea. “A diferenza entre o fracaso e ou triunfo foron os cinco votos de EM”, lembrou o voceiro e engadiu: “O grupo parlamentar de EM no Congreso expuxo esta semana unha axenda galega. Unha axenda galega que nin o PSOE nin os nosos socios estratéxicos, Unidos Podemos, deben esquecer, porque En Marea é un suxeito político que leva a voz do conxunto da cidadanía galega. Unha axenda social, e unha axenda nacional de autogoberno, porque non queremos quedar excluídos á marxe, xa que fomos a chave da moción de censura cos nosos cinco votos”.

No que atinxe ás eleccións europeas, o Consello das Mareas tamén acordou abrir un proceso participativo para que os inscritos e as inscritas decidan se En Marea se presenta ou non, se hai que concorrer en solitario ou con alianzas; e que principios deben seguir esas alianzas. O voceiro de EM indicou que o sentir xeral no Consello é o de concorrer ás eleccións europeas, pero que será o conxunto das inscritas e inscritos os que tomen a palabra e decidan en última instancia no Plenario.

O Consello das Mareas estableceu iniciar o calendario cun proceso participativo nas catro provincias, con encontros provinciais o sábado 29 de setembro. Catro semanas despois, tras recoller todas as achegas de todas as persoas inscritas para elaborar as teses políticas, estas se levarán a votación ao Plenario que terá lugar o sábado 27 de octubro. Onde, ademáis, se aprobará o regulamento para a elección do novo Consello das Mareas. Aproximadamente, na semana do 19 ao 25 de novembro terán lugar as votacións telemáticas, nas que todas as persoas inscritas exercerán o seu dereito a expresar a súa opinión sobre quen pensan debe dirixir o espazo político. Unha vez finalizado ese período, En Marea dará a coñecer os resultados.

O Consello das Mareas deu tamén o seu visto bo á creación dun banco de ideas, cun fin programático aberto mediante un proceso participativo, para que as mareas locais incorporen estas, se así o consideran, aos seus programas electorais en función das circunstancias dos seus concellos. O banco de ideas nútrese ademais dos grupos de traballo, das mareas sectoriais, e dos encontros das mareas comarcais e municipais.

Ponse así en marcha un proceso de participación no que se conxugan dous elementos: axilidade nos tempos e garantías de participación, de deliberación e de decisión. “Este é o Consello onde todo o mundo pode opinar e decidir, e onde se garante que os inscritos e as inscritas teñan a última palabra do que pase no espazo político de EM”, concluíu o voceiro Luís Villares trala reunión do órgano de dirección.