En Marea acusa á Xunta de “estar a facer de parapeto das empresas mineiras incumprindo o seu deber de defender os intereses do noso país”

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, asegurou que as distintas denuncias por denegación de información ou investigacións por posibles delitos contra o medio ambiente por parte do Goberno galego non son excepcións senón “a norma dun país onde o Goberno galego non cumpre a súa función de control e sanción”
Publicado por o día 06/04/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea acusa á Xunta de “estar a facer de parapeto das empresas mineiras incumprindo o seu deber de defender os intereses do noso país”

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, denunciou esta mañá a actitude da Xunta de Galicia que asegurou “está a facer de parapeto das grandes empresas mineiras incumprindo o seu deber de defender e velar dos intereses do noso país e da súa xente”.

Na rolda de prensa o vicevoceiro de En Marea fixo mención aos múltiples casos nos que o Goberno galego tivo unha actuación irregular ou oposta á defensa real do territorio para beneficiar a estas empresas. Así lembrou a sentenza na que se condena á Xunta de Galicia por denegar información sobre a mina de Corcoesto ou as denuncias do Defensor del Pueblo que fala de opacidade en relación ás louseiras de Ourense. Referiuse así mesmo á admisión á tramite por parte da ONU das denuncias de diversos colectivos referentes a denegación de información relativo a distintos proxectos. Pero a decisión da Fiscalía de Medio Ambiente que acordou a apertura de dilixencias e vén de trasladar ao xulgado as graves irregularidades atopadas na mina de San Fins para continuar coa investigación. A fiscalía advirte da discutible actuación da empresa, pero tamén da Xunta, non descartando que se cometese un delito contra o medio ambiente ou os recursos naturais.

Por este motivo, o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, afirmou que “a actuación da Xunta non son excepcións, senón que son a norma dun país onde a Xunta non cumpre a función de control e sanción de comportamentos e accións que danan o medio ambiente e a calidade de vida da xente que vive no seu entorno”.