En Marea agradece o apoio da cidadanía galega que logrou que Galicia por primeira vez na historia da democracia teña grupo parlamentar propio

Publicado por o día 21/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

En Marea agradece o apoio da cidadanía galega que logrou que Galicia por primeira vez na historia da democracia teña grupo parlamentar propio

Os resultados acadados no día de onte deixan de manifesto a vontade e ilusión de cambio da maioría que dan un paso máis cara a lograr o Goberno da Xunta de Galicia o vindeiro ano

O grupo de deputados e deputadas do Congreso e senador e senadora de En Marea electos agradeceron esta mañá o histórico apoio acadado da cidadanía que fixo posible que Galicia teña por primeira vez na historia da democracia, grupo parlamentar propio no Congreso dos Deputados. Un apoio que deixou clara a vontade de cambio e que confirma que o camiño de En Marea é o que estaba a reclamar a xente do noso país. Unha candidatura que durante a campaña afirmouse “é a que máis se parece a este país” e que onte quedou demostrado.

O deputado electo pola Coruña, Antón Gómez-Reino, resaltou o papel de En Marea como impulsor dun novo xeito de facer político, unha  ferramenta que vai continuar vendo nas vindeiras eleccións municipais. “Espazos como En Marea é o motor fundamental para desbancar ao Partido Popular da Xunta de Galicia en 2016 tamén”. “A sociedade galega expresou unha clara vontade de cambio” destacou Gómez-Reino.

A deputada electa por Pontevedra, Alexandra Fernández, pola súa banda remarcou un dos cambios fundamentais que xa se puxo de manifesto nas eleccións xerais de onte nas que “a xente votou con ilusión, non tivo que tapar o nariz cando depositou o seu voto, foi un voto convencido e con ilusión percibíase na rúa”. Así mesmo, resaltou igualmente que “hai que avanzar no cambio para que o vindeiro ano chegue tamén á Xunta” cunha ferramenta innovadora na que a cooperación, aglutinadora de organizacións políticas e xente non militante cun xeito de facer política desde abaixo.

O seguinte en falar foi o deputado electo ao Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello,salientou que En Marea “no plano histórico logrou nesta segunda volga o que faltaba, por fin Lugo ten un deputado nacionalista, internacionalista e de esquerda”. “A intelixencia colectiva do noso país, a conciencia colectiva e activa falou democraticamente por un cambio no Estado e tamén en Galicia”.

Pola súa banda, o deputado electo pola provincia de Ourense, David Bruzos asegurou que hai 30 anos que non existe voz alternativa ao bipartidismo en Ourense e afirmou que con estas eleccións “comeza a decandecia do baltarismo” e da paso ao traballo de En Marea para recuperar o emprego, un medio rural vivo e rexenerar democraticamente este país.

A seguinte en intervir foi Ángela Rodríguez, segunda deputada electa de En Marea por Pontevedra ao Congreso, que afirmou que “estamos ante un resultado histórico que supón o primeiro paso para recuperar as institucións para a cidadanía, e gobernar para unha maioría social que ata agora non estaba representada no Goberno do Estado”.

Yolanda Díaz, segunda deputada electa de En Marea pola Coruña, anunciou que En Marea “vai debuxar a Galicia do século XXI”. Así comprometeuse a que unha das primeiras iniciativas que impulsará o grupo no Congreso estará orientada a defensa dos sectores produtivos galegos para que a xente deixe de emigrar e reivindicou a confluencia da esquerda como o único camiño para acabar co goberno do PP nas vindeiras eleccións autonómicas”.

O senador electo pola Coruña, José Maria García Buitrón, centrou o seu discurso en salientar o traballo que En Marea levará a cabo para cambiar “unha Cámara obsoleta como é o Senado para deixe de ser un retiro de elefantes”.

Por último, a senadora electa María Vanesa Angustia, incidiu no momento histórico para Galicia que por fin vai chegar con voz propia ao Senado para dignificar a institución e agradeceu de xeito especial a ilusión manifestada polo cambio e en concreto a “todas as mulleres que onte foron votar”. Así mesmo salientou a paridade da representación de En Marea nas dúas Cámaras.

Con todo isto, as mulleres e homes que conformarán o grupo parlamentario de En Marea parar o Congreso e no Senado comprometéronse a poñer por diante de todo os intereses de Galicia en todo momento, estando a disposición da cidadanía desde este mesmo momento.

PRENSA EN MAREA