En Marea alerta dos novos obstáculos á información pública sobre minaría que ven de impoñer a Xunta de Galicia

A formación denuncia a sistemática ocultación destes procedementos, que agora o goberno galego ampara coa creación dunha nova instrución
Publicado por o día 20/08/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea alerta dos novos obstáculos á información pública sobre minaría que ven de impoñer a Xunta de Galicia

En Marea denuncia a sistemática ocultación de información que a Xunta de Galicia ven impoñendo dende hai tempo aos colectivos que se opoñen ás prácticas de minaría salvaxe. Unhas restricións que agora o goberno galego ampara coa aprobación dunha nova instrución, que non é senón un xeito de dar amparo legal e normalizar os límites á transparencia que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria mantén sobre todo o relacionado con este eido.

En Marea volverá levar ao Parlamento de Galicia a actitude escurantista e opaca do goberno galego en todo o que se refire aos proxectos mineiros. As reticencias do goberno autonómico a facilitar información relativa ás explotacións existentes no territorio galego veñen de lonxe; e xa teñen sido amparadas por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condeou a negativa do executivo do PP a facilitar a información que solicitaba a veciñanza sobre a mina de Corcoesto.

“Os antecedentes neste asunto son claros. Hai unha sistemática ocultación de información aos colectivos que se moven contra a minería salvaxe. Existen trabas e obstáculos constantes”, denuncia o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez. Que lembra ademais que a actitude contraria á transparencia do goberno galego tamén ten sido respaldada pola ONU, que ten admitido outra denuncia relacionada coa obstaculización no acceso á información que impón a Xunta de Galicia.

En vista dos antecedentes, que hai algún meses tamén foron denunciados ante a Valeduría do Pobo pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, En Marea non ten dúbidas do novo ataque ao dereito á información que supón a nova instrución da Consellería de Economía publicada no DOG deste luns, 20 de agosto. Un procedemento que non é senón unha fórmula legal para amparar os límites e restricións que o goberno galego xa ven impoñendo. E que redundará nunha maior ocultación e, en consecuencia, en máis dificultades para o coñecemento da actividade relacionada coas explotacións mineiras e cos seus incumprimentos.

“O que fai esta instrución é limitar e condicionar o acceso á información, restrinxila, e darlle amparo legal” á ocultación e á connivencia que o goberno galego mantén coas empresas mineiras que destrúen o territorio e os seus recursos, denuncia o vicevoceiro de En Marea, que pedirá explicacións ao goberno na Cámara.