O voceiro de En Marea Luís Villares manifestou esta tarde a súa profunda decepción co pacto de goberno entre o Partido Socialista e Podemos, especialmente na parte que lle toca a Galicia: “si este pacto fose a lotaría do neno a Galicia non lle tocaría nin a pedra”.
No documento existen omisións clamorosas que teñen que ver no noso país, como unha aposta clara por un servizo público de tren convencional, de cercanías e de media distancia e de FEVE que segue condenando aos galegos e as galegas utilizar o transporte privado, moito máis caro e contaminante. Tampouco se recolle unha solución definitiva para a industria electrointensiva de Galicia nin a intención de rematar cos lobbies eléctricos que existen no Estado.
Villares lamentou a ausencia dunha referencia clara a diversidade lingüística nin de promoción da nosa lingua, “algo que de xeito bilateral so conseguiu o PNV para o Euskera nas súas negociacións”. Pero a inxustiza e o esquecemento de Galicia non remata aquí, posto que tampouco no tocante ao despoboamento hai referencia nin aparece ningunha medida concreta que inclúa a problemática do rural galego, senón que “se mete todo no mesmo saco como se a problemática de Castela fose igual ca de Galicia”.
Pero non soamente son inxustos con Galicia. O voceiro indicou tamén a falta dun verdadeiro compromiso coa conciliación despois da maternidade “que debería proxectarse como mínimo ata os 6 meses”.
Para En Marea tamén resulta preocupante que non existan garantías de que as pensións vaian satisfacerse polos impostos se fixese falta nin se garante a presenza das plataformas de pensionistas nun novo “Pacto de Toledo”, “algo que leva reclamando un colectivo que forma unha verdadeira marea que levou aos partidos a moverse neste sentido”.
Outro punto da decepción son as “as odiosas medias tintas”, pois nin se saca a relixión das escolas nin se derrogan as reformas laborais do Partido Popular e do Partido Socialista desta década, ”so se fai referencia ao máis lesivo como se a ditadura da precariedade á que nos someteron non fose toda en si mesma lesiva”.
O PSOE e Podemos deixaron nun segundo plano a xustiza social, a xustiza climática e a transición enerxética xusta para o noso país, ademais de garantir a dignidade dos nosos maiores. “Semella que eles, ao igual que o Partido Popular, so ven en Galicia un graneiro de votos, polo tanto, temos estamos moi decepcionados con esta situación”, concluíu Villares.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.