En Marea analizará a situación da vivenda en Galicia nunha xornada con expertos

A formación entende que é preciso reformular as políticas que están a impulsarse neste eido para axustalas ás necesidades e garantir a cobertura deste dereito
Publicado por o día 30/12/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea analizará a situación da vivenda en Galicia nunha xornada con expertos

En Marea impulsa unhas xornadas de análise, debate e posta en común nas que distintos expertos analizarán polo miúdo a situación do mercado inmobilario e tentarán artellar alternativas que garantan o acceso de toda a cidadanía a unha vivenda digna. A formación xa ten preparado o programa dunha sesión de traballo que se desenvolverá o sábado 12 de xaneiro no Salón Galicia do Hotel Santiago Apóstol, en Santiago de Compostela; e na que participarán, entre outros, Teresa Taboas, Alba Nogueira, Jorge Duarte e Rubén Lois; así como o voceiro, Luís Villares, e as deputadas Paula Vázquez Verao e Flora Miranda.

A pesar de que a crise vai pasando, os desafiuzamentos continúan sucediéndose e boa parte da cidadanía ten dificultades, ou directamente non é quen de acceder a unha vivenda digna. A lei do mercado e os intereses de bancos, construtores e fondos boitre imponse nun ámbito no que é precisa unha maior intervención das administracións e unha aposta decidida para incrementar o parque de vivenda pública e ofertar vivenda de calidade a prezos xustos e non especulativos. Así o entende En Marea, que da man do amplo listado de expertos que participarán na xornada “A vivenda, máis aló do mercado. Un dereito efectivo”, tentará poñer sobre a mesa alternativas para reformular as políticas de vivenda que se están empregando e axustalas á realidade social, dende unha perspectiva global, acordando enfoques conxuntos a nivel urbanístico, lexislativo, demográfico e social, tanto dende o ámbito local coma autonómico.

Trátase de avanzar na formulación dun modelo normativo de acción innovadora e rupturista, dirixido a garantir auténticas políticas públicas que garantan o acceso á vivenda como o dereito que é.

As sesións estruturaranse en torno a catro blocos. Sobre o “Marco Autonómico da Vivenda” aportarán experiencia e puntos de vista a arquitecta e conselleira de Vivenda e Solo do goberno bipartito Teresa Táboas; a profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira López; e o director de Planificación e Procesos Operativos de Vivenda, Medio Ambiente, Planificación Territorial e Vivenda do goberno vasco, Mario José Yoldi Domínguez.

A xornada continuará abordando “O exercício do dereito á vivenda e ao acompanhamento: factores claves para a inclusión social”. Delo falarán Ana Pardo Fernández, traballadora social e responsable territorial do Programa de Protección Internacional PROVIVENDA; Ángela Conde Groba, educadora social e responsable de Programa de Integración de PROVIVENDA; e Juncal Blanco Granado, trabajadora social e responsable do Programa Emaús Galicia; moderadas pola presidenta do Colexio de Psicoloxía de Galicia Rosa Trillo Sánchez-Brunete.

Despois da pausa para xantar, Francisco Magide Bizarro, segundo tenente de alcalde do Concello de Parada de Silvestres; Adolfo Muíños Sánchez-Brunete, alcalde de Rianxo; e Jorge Duarte Vázquez, concelleiro de Espazos Cidadás, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais do Concello de Santiago falarán do “Local: dende o pequeno ao grande”; moderados pola arquitecta e profesora na UDC e na ETSAC Emma López Bahut.

A xornada rematará coas achegas “A ter en conta” de Rubén Lois, profesora de Xeografía e Historia da USC que falará sobre demografía e vivenda. A arquitecta María Novas deixará sobre a mesa distintas claves sobre vivenda e xénero. E o arquitecto Iago Lestegas aportará o seu punto de vista sobre os desafíos da vivenda no século XXI. Xosé Anxo Carreira, profesor de arquitectura da UDC e delegado por Lugo da Consellería de Vivenda entre 2005 e 2009 actuará de moderador neste derradeiro bloco.

En Marea anima a todas as persoas que queiran participar nesta xornada a formalizar a súa inscrición xa a partir deste luns.

 

Una respuesta para "En Marea analizará a situación da vivenda en Galicia nunha xornada con expertos"

  1. Gamela   01/01/2019 at 21:15

    Alguén debera contar con detalle nese foro o comportamento da Marea de Vigo!

    De como permitiron impunemente a subasta de 40 pisos públicos en Vigo! https://flic.kr/p/usvFpZ

    De como a SAREB está a construir en Rosalía Castro 9 plantas de pisos de luxo para seguir especulando coa necesidade de vivenda sen construir unha soa vivenda de promoción pública! https://flic.kr/p/2adsfta

    ¿Como é posible que ninguén denuncie esto -nin En Marea nin Marea de Vigo- facilitando as políticas neoliberais do Caudillo Abel Caballero?

    Se alguén asiste a esta reunión esta información debera facerse pública !!!

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.