En Marea analizará e buscará alternativas ao Plan Forestal mediante unhas xornadas parlamentarias

Expertos en distintos ámbitos vinculados coa ordenación, o deseño e a xestión do monte daranse cita na Cámara o 15 de xuño
Publicado por o día 03/06/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea analizará e buscará alternativas ao Plan Forestal mediante unhas xornadas parlamentarias

En Marea analizará as eivas e necesidades do Plan Forestal de Galicia e buscará alternativas para un mellor deseño e ordenación dos montes galegos. Farao a través dunhas Xornadas Parlamentarias que se celebrarán o venres 15 de xuño. Unhas sesións que contarán coas aportacións de expertos de distintos eidos; que achegarán á Cámara galega puntos de vista e experiencias necesarias para optimizar a xestión dunha masa forestal vinculada ás necesidades e particularidades ambientais de Galicia.

A Sala F do Parlamento de Galicia será o espazo onde, de 10 a 14 horas pola mañá; e de 16 a 19 pola tarde, se porán sobre a mesa os distintos aspectos que deben ser tidos en conta á hora de elaborar un Plan Forestal que recolla e solvente as necesidades reais do monte galego. Para elo, En Marea ten dado forma a un programa de relatorios que se centrarán nos cinco principais eixos de actuación do nomeado plan: contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais; protección, saúde, seguridade e defensa do monte ante riscos naturais e ambientais; modelo de gobernanza do monte galego; dinamización socioeconómica do monte e da propiedade forestal galega para a súa incorporación á economía verde; e desenvolvemento e mellora do coñecemento e da cultura forestal galega.

Fins Eirexas, do colectivo ecologista Adega; e João Evans, representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Froxán; serán os encargados de poñer sobre a mesa os aspectos a ter en conta para a elaboración dunha Estratexia galega para a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais. Nas súas intervencións abordarán as medidas e accións necesarias para ese fin; e tentarán analizar posibles contribucións do monte e á mitigación do cambio climático e ao desenvolvemento de enerxías renovables.

Serafín González Prieto, da Sociedade Galega de Historia Natural, é o convidado para afondar na Estratexia de protección contra os riscos erosivos e hidrolóxicos e a restauración de áreas queimadas ou degradadas. Unha achega que pretende servir de base para o deseño da necesaria Estratexia galega de Sanidade Forestal e dun Plan estratéxico para a prevención e defensa contra os incendios.

Sobre iniciativas lexislativas e desenvolvemento normativo en materia forestal; desenvolvemento territorial, planificación e ordenación; e organización e coordinación das accións relacionada coa xestión forestal falarán Alfonso Fernández, representante de SERFOGA, e Enrique Valero, ex director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e asesor da UE no ámbito forestal.

A actividade retomarase coas achegas do técnico de Medio Rural Víctor Árias sobre promoción e desenvolvemento dunha cultura forestal asociativa capaz de optimizar a xestión, a produtividade do monte e a comercialización de produtos forestais. Unha intervención que busca servir tamén de base para o deseño dun Plan de mobilización de terras e recursos forestais.

José Manuel Iglesias, presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, pechará o programa das xornadas deixando sobre a mesa información e estadísticas forestais, necesarias para a elaboración dun programa de educación, formación e capacitación forestal; e dunha estratexia de comunicación da cultura forestal ao servizo da investigación, a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e o emprendemento en materia de produción forestal primaria.