En Marea anuncia un programa de 299 medidas urxentes para mellorar a calidade de vida da maioría social de Galicia

Os contidos da proposta programática serán debullados na convención electoral que a formación celebrará este sábado en Compostela
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea anuncia un programa de 299 medidas urxentes para mellorar a calidade de vida da maioría social de Galicia

En Marea anunciou este xoves o seu programa de 299 medidas urxentes para Galicia. Unha batería de propostas concretas, realistas e conectadas coas necesidades da cidadanía; concebida para ser levada á práctica durante a próxima lexislatura. Os detalles da proposta programática serán expostos máis polo miúdo o sábado, na Convención Electoral que En Marea celebrará no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

O voceiro de En Marea, Luís Villares e o responsable de Análise Estratéxico, Xoán Hermida, explicaron os eixos fundamentais dunha oferta electoral coa que a formación aspira a participar da gobernabilidade do estado e a contribuír eficazmente á conformación dunha maioría comprometida co benestar social e coa ampliación de dereitos. “Pero sumar para todos non pode supoñer restar para as galegas”, polo que En Marea se compromete a poñer por diante a defensa do irrenunciable desenvolvemento socioeconómico de Galicia.


Xustiza social, avance democrático e ecoloxismo. Esas son os eixos fundamentais dun programa electoral co que En Marea aspira a atender de xeito especial as demandas das mulleres e da mocidade; a través dun programa participado e comprometido coa ética e co rexeneracionsimo político, na clave do que pediu a cidadanía que saiu á rúa o 15m. “O noso compromiso é cos máis vulnerables, coa clase traballadora e coa sociedade galega no seu conxunto” explicou Hermida.

Fronte á crispación, En Marea achega propostas. “Todo o noso compromiso está con esas medidas reais que buscan que a xente teña máis oportunidades de ser feliz. Queremos ampliar dereitos para todas sen restar para ninguén. No ámbito da liberdade de expresión, derrogando a Lei Mordaza, e no laboral, derogando as reformas do PP e do PSOE. Ampliar o salario mínimo e as pensións é importante para o ben común e para afortalar o estado do benestar. Pero temos que xogar unha carta fundamental, que é a do noso propio desenvolvemento socioeconómico. Crear oportunidades para que as galegas e galegos non teñan que emigrar”.

A oferta electoral de En Marea pasa por favorecer o desenvolvemento industrial e socioeconóimco de Galicia. Algo que implica políticas que impidan a deslocalización e fomenten o asentamento empresarial e o comercio local. Esa é a base do noso programa de medidas: iniciativas e propostas coherentes e comprometidas co benestar do conxunto da cidadanía”, indica o voceiro.

Luís Villares reivindicou o proxecto co que En Marea quere contribuír a impulsar unha sociedade galega “fortemente afincada e solidaria, cun vínculo estreito coa idea do espazo nacional compartido cun estado de benestar amplo. Por iso a nosa aposta de ampliación de dereitos se basea no aseguramento de servizos e bens públicos para o conxunto da poboación, como o desenvolvemento dunha Lei de Dependencia, a desmercantilización de determinados bens públicos para asegurar dereitos como o acceso á vivenda, a suficiencia enerxética ou a auga. Queremos contribuír eficazmente á conformación de maiorías que defendan eses principios. Por iso apostamos por alianzas con forzas políticas que se amasen coherentes cos mesmos. Pero queremos sumar sen restar”, resalta o voceiro de En Marea.

A coherencia é un dos valores que En Marea quere resaltar na campaña cara ás eleccións do próximo 28 de abril. Nesa liña, Luís Villares volveu incidir nun factor que supón unha diferença clara entre esta e outras forzas políticas “que apostaron por votar en contra do desenvolvemento socioeconómico de Galicia nos últimos orzamentos do Estado. Cando se tratou de subir o salário mínimo ou revalorizar as pensións estivemos co PSOE e con Podemos. Pero cando se falou da condonación da débeda do porto da Coruña separámonos, porque cremos que se trata dunha medida imprescindible. Igual que no caso da cidade de Vigo, cuxa saída sur e conexión do porto non se contemplaban no orzamento estatal”, resalta Villares.

En Marea quere poñer o foco nas oportunidades de futuro e no benestar para o conxunto da sociedade, e para  as 200.000 mozas que nos últimos anos se vieron forzadas a marchar de Galicia pola falta delas. “Non podemos pasar por alto que os investimentos públicos son esencias á hora de crear emprego, por iso a nosa oferta electoral está directamente vinculada co desenvolvemiento socioeconómico de Galicia”, indica o voceiro. Que marcou como meta cara aos próximos comicios xerais traballar a favor da igualdade e pola defensa do medio ambiente e dos recursos naturais, conseguir o desenvolvemento das infraestruturas galegas e rematar coas hipotecas que pesan sobre as nosas cidades e vilas, como no caso da fachada marítima da Coruña.

Sobre esas bases irrenunciables de xustiza social, avance democrático e ecoloxismo fundamentarse calquera posible políticas de alianzas tralo 28 de abril. Somos parte da maioría de progreso que estamos convencidos que vai gañar as eleccións. Pero non imos conceder un cheque en branco. Imos ser estrictos coa defensa dos intereses da cidadanía galega. Queremos traballar por unha gran maioría democrática polo cambio. Pero imos ser escrupulosos no respecto aos compromisos que asumimos coa sociedade galega”, explicitou Xoán Hermida.

Sentenza da Valedora 

O voceiro de En Marea tamén fixo referencia á recente sentenza do Tribunal Supremo que recoñece o desvío de poder por parte Valedora do Pobo en relación á contratación dunha persoa coa que mantilla un vínculo de amizade, e directamente vinculada coas cúpulas do Partido Popular. Luís Villares lembrou que En Marea foi a primeira forza galega que levou á Cámara a “situación de nepotismo vinculada cunha Valedora que abusou da súa situación de poder para favorecer unha persoa coa que tiña unha relación de amizade, e claramente vinculada coa cúpula do PP. Unha situación absolutamente inaceptable en democracia. Unha vergoña en termos democráticos, como a que implica á Deputación de Ourense, onde os tribunais veñen de anular o recurso interposto por esta contra a anulación de 69 postos de traballo que ordenara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

Luís Villares destacou a necesidade de diferenciar as responsabilidades penais das políticas. No caso da Valedora, fixo fincapé na necesidade de que Milagros Otero dimita ou, no caso de non facelo, sexa cesada polo presidente da Xunta de Galicia. “Se segue no seu cargo é porque Núñez Feijóo a ampara”, indica o voceiro de En Marea, que ve preciso rematar coa sensación de impunidade que lexitima este tipo de condutas. “A corrupción segue sendo a marca da casa da dereita galega”, destaca o voceiro de En Marea.

Comentar noticia

Your email address will not be published.