En Marea apoia a folga na Atención Primaria

Publicado por o día 08/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea apoia a folga na Atención Primaria

O grupo parlamentar de En Marea apoia a convocatoria de folga na Atención Primaria de saúde realizada polas organizacións sindicais, profesionais e cidadás para os vindeiros 9, 10 e 11 de abril.

Entendemos que a Atención Primaria debe exercer a centralidade da asistencia sanitaria nun sistema de saúde público, universal, gratuíto, digno e de calidade.

Subscribimos as reivindicacións colectivas:  orzamento suficiente, autonomía de xestión, dignidade de todas as profesionais que traballan nese ámbito e estruturas de xestión propias, autónomas e en igualdade de condicións coas estruturas hospitalares.

Percibimos nos últimos anos un deterioro na dotación da Atención Primaria como consecuencia do desleixo das políticas sanitarias do Partido Popular por este nivel asistencial, polas súas profesionais e pola súa relevancia como elo asistencial prioritario, resolutivo e accesible para as persoas.

Valoramos o enorme esforzo das e dos profesionais que sostiveron co seu esforzo e a súa capacidade técnica e humana a atención digna ás persoas, mais entendemos que xa é momento de ofrecer unha solución real ás súas reivindicacións (encamiñadas a prestar unha atención de calidade). A situación non admite demora.

Agradecemos a responsabilidade dos colectivos profesionais e cidadáns organizados na reflexión e demanda dun novo modelo de atención primaria coas persoas no centro, baseado na nova realidade epidemiolóxica, na cronicidade, no avellentamento, na soedade, na realidade socioeconómica, no despoboamento do rural e nas crecentes expectativas da cidadanía.

Estimamos o valor engadido da Primaria na Prevención e na Promoción da Saúde desde unha perspectiva menos medicalizada, máis saudable en termos amplos e que procure as maiores cotas de benestar e autonomía da cidadanía. Así mesmo valoramos a súa capacidade para o traballo na Comunidade, contribuíndo a detectar as desigualdades en saúde e incorporando os determinantes sociais, auténticos factores de relevancia nun Sistema Sanitario Público que aspire á equidade.

Por estes motivos facemos un convite á cidadanía a apoiar colectivamente o chamamento á folga das organizacións sindicais e profesionais, así como das plataformas cidadás.

Por unha Sanidade Pública, Universal, Gratuíta e de Calidade cunha Atención Primaria Digna no centro.