O deputado de En Marea, Antón Gómez.Reino, rexistrou este luns varias preguntas ao Goberno para preguntar pola inmovilización do barco de rescate da ONG Proactiva Open Arms no porto italiano de Pozallo por “promover a inmigración ilegal”.
“É escandaloso que os gobernos europeos, e neste caso o italiano, criminalicen unha organización que precisamente fai o que non fan os gobernos, atender ao drama migratorio no Mediterraneo e evitar que siga converténdose nunha fosa común”, asegura o deputado.
Gómez-Reino denuncia que respondan “criminalizando, detendo e ameazando aos que son un exemplo de compromiso activo polos dereitos humanos”.
“Cando tivo coñecemento o Goberno español de que as autoridades italianas e maltesas estaban poñendo dificultades ao buque da ONG española para atracar a porto logo de rescatar en alta mar a 218 migrantes e que medidas adoptou para resolver a situación e o buque español puidese arribar a porto e desembarcar ás persoas que rescatara?”, pregunta En Marea.
“Que xestións ten previsto realizar o Goberno de España ante o Goberno de Italia para que retiren a acusación e liberen o barco incautado cautelarmente? Que ten previsto facer no caso de que as autoridades italianas non retiren de inmediato os cargos que pesan sobre a ONG e sobre tres nacionais españois e libera o barco incautado cautelarmente?”, engade.
Ademais, queremos coñecer se o Executivo ten coñecemento da acusación dirixida pola Fiscalía de Catania cara á ONG española e pola que os tres membros da tripulación poderían ter que enfrontarse a penas de entre 4 e 7 anos de prisión.
Finalmente, tamén se pregunta sobre se ten previsto o Goberno promover ante a UE a revisión da Directiva de Facilitación 090/2002 para cumprir axeitadamente o Protocolo da ONU contra o Tráfico Ilícito de Migrantes onde inclúe a exención de criminalización para aqueles que dan asistencia humanitaria.
Noticias de última hora en Vigo