En Marea apoiará todas as mobilizacións da sanidade galega para conseguir que ser recuperen os dereitos sanitarios da cidadanía

O Consello das Mareas puxo en marcha a elaboración dun plan de financiamento municipal para debater e compartiras coas mareas locais
Por o 06/02/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea apoiará todas as mobilizacións da sanidade galega para conseguir que ser recuperen os dereitos sanitarios da cidadanía

O Consello das Mareas acordou na súa reunión algunhas das liñas de actuación para as vindeiras semanas. En primeiro lugar, o apoio completo a todas as mobilizacións sanitarias que se teñan lugar en Galicia e, en especial, na manifestación que terá lugar en Santiago a vindeira fin de semana.  Ademais de combater a perda de dereitos sanitarios dos galegos, desde o Consello das Mareas tamén se chamou a atención sobre a perda de dereitos que padecen as galegas desde hai dez anos nun proceso que é necesario reverter. O consello segue cunha negativa decidida aos orzamentos do Estado pola súa falta de compromiso con Galicia mentres non se avance na negociación co goberno. Outro dos acordos tomados polo Consello das Mareas é a posta en marcha dun plan de financiamento para os concellos que será debatido e compartido coas mareas locais. Durante esta semana se presentarán as mareas en localidades como Tui, Poio ou A Guarda.

O voceiro de En Marea, Luís Villares enmarcou a actual situación da sanidade galega nas políticas de recurtes “económicos e de dereitos” do “decenio negro albertista”. Segundo Villares “na sanidade vese de maneira radical a maneira de entender a política de Feijóo, convertendo servizos da cidadanía en negocios dos amigos”. O voceiro explicou a posición de En Marea de completo apoio ás mobilizacións dos profesionais da sanidade porque están “mobilizándose pero non para eles, senón para conseguir que as galegas teñan uns mellores servizos sanitarios”.  Neste sentido, engadiu o voceiro que a situación da sanidade “padece a pésima xestión dunha Xunta de Galicia que é incapaz de atender as necesidades da poboación e que somete a profesionais e a pacientes a situacións estremas empeorando as condicións de atención e de traballo”. Por este motivo, En Marea considera necesario “apoiar todas as mobilizacións dos profesionais, unhas mobilizacións que son moi ben entendidas pola cidadanía que se está sumando a elas porque comprenden que tamén defenden o seu dereito á saúde”.

Non aos orzamentos estatais

A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, explicou tralo Consello das Mareas que a posición fronte aos orzamentos do Estado segue sendo de votar en contra. Seijas sinalou que a situación agora era de “negociación co goberno”, pero que mentres non se consiga unha mellora substancial na posición galega nesas contas a posición das deputadas de En Marea “será votar en contra”.

Feijóo e debe definirse sobre o pacto andaluz

O voceiro de En Marea apuntou que esta semana vindeira “Feijóo terá que explicarse sobre o pacto andaluz”, “se está a favor ou en contra” e se “entende que o que está pedindo o seu socio de goberno en Andalucía é que desapareza a Xunta de Galicia, é dicir están pedindo que Feijóo quede sen traballo”. Luís Villares apuntou que Feijóo estaba vivindo unha situación paradoxal porque o balanzo da súa xestión á fronte da Xunta nos últimos dez anos é moi claro: “unha década na presidencia, cero transferencias conseguidas”. A maior parte desa década con gobernos “amigos” en Madrid. Segundo Villares, as comenencias partidarias de Feijóo fan que durante as últimas semanas adote o “disfraz de autonomista e centrista” para reclamar en “quince días o que non se atreveu a reclamar en dez anos”. Segundo Villares Galicia vive no “decenio negro albertista que, xunto ao recorte de dereitos, significa unha renuncia total a aumentar o autogoberno do país”. O voceiro de En Marea lembrou que foi o propio “Feijóo quen non quixo no seu día que Galicia puidese avanzar máis no autogoberno e negouse a unha ampliación do Estatuto que tería significado un maior número de competencias para o país”.

Financiamento local

Entre os acordos tomados polo Consello das Mareas está a posta en marcha dun plan de financiamento local. Luís Villares apuntou que resulta fundamental para un espazo como En Marea, “onde o municipalismo ten tanta importancia”, a elaboración dunha proposta política e económica para o financiamento dos concellos. Esta proposta será debatida e compartida coas mareas locais e pretende ser unha “proposta que formule as reformas que consideramos necesarias tanto a nivel estatal, autonómico e municipal para que os concellos dispoñan dun financiamento acorde cos servizos que prestan”. Desde En Marea se constata un infrafinanciamento municipal e resulta necesario reformar todo o sistema de financiamento local.

No mesmo sentido, desde o Consello das Mareas se adiantou a presentación na semana entrante das presentacións das mareas de Tui, Poio e A Guarda e a celebracións de dúas actividades de participación de carácter municipalista entre finais deste mes e comezos de marzo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.