En Marea arrinca motores cara ao 28A para conseguir unha Galicia que decida por si mesma e que non deixe ninguén atrás

A formación comprométese a respaldar unha maioría social de progreso que garanta dereitos para toda a cidadanía sen deixar atrás a necesaria axenda galega
Por o 06/04/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea arrinca motores cara ao 28A para conseguir unha Galicia que decida por si mesma e que non deixe ninguén atrás

En Marea inicia o camiño cara ás eleccións xerais co compromiso explícito de traballar para conseguir impulsar unha Galicia de oportunidades, que decida por si mesma e que non deixe ninguén atrás. A formación celebrou este sábado en Santiago de Compostela a súa Convención Electoral. Un encontro no que as candidatas para os comicios do 28 de abril compartiron tempo e espazo con representantes da cidadanía para falar das problemáticas sociais ás que a formación aspira a poñer solución coas 299 medidas urxentes para Galicia do seu programa electoral.

En Marea traballará para conformar unha maioría alternativa en clave democrática nas institucións do estado, pero priorizando as necesidades e os investimentos para Galicia.  “Non imos conceder ningún cheque en branco. O noso é un contrato coa cidadanía de Galicia, un contrato social para non deixar a ninguén atrás, para ampliar dereitos e fomentar investimentos que posibiliten o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, a cohesión territorial e as oportunidades para que os que marcharon poidan volver e os que aínda non naceron poidan facelo. Ese é o noso contrato social”. Así falaba Villares na Convención Electoral na que o voceiro reivindicou a coherencia dunha formación que é “o maior aval para estas eleccións xerais. Por iso vos pedimos, galegas e galegos, a vosa confianza. Temos palabra, e imos cumprir cun proxecto xusto que convirta a Galicia nun espazo de convivencia e oportunidades. Un país do que sentirnos orgullosas”.

Luís Villares falou de emprego e infraestruturas e reivindicou as potencialidades de Galicia. Como a situación privilexiada dos seus portos e a súa capacidade de desenvolvemento económico. “Algo que non está acontecendo pola falta do investimento preciso para conectar eses portos por ferrocarril. Temos dereito a abrir A Coruña ao mar. Á condonación da débeda do seu porto, como aconteceu con Valencia. Á rexeneración da Ría do Burgo. E a unha Ría de Pontevedra libre de Ence”.

Villares foi crítico coas formacións que deixan de lado a Galicia e que carecen dunha axenda galega. E denunciou tamén a nula iniciativa do goberno Feijóo para conseguir transferencias a Galicia, algunhas tan reclamadas como a da AP9. “Feijóo gardou silencio como un bo rapaz dos recados mentres outras Comunidades si avanzaban no traspaso de transferencias. O PP restou todo o tempo nesta lexisaltura, e houbo outros que pretenderon sumar restando. Quen nos tomou por parvos e tentou contentarnos coa suba das pensións. Claro que faremos o posible para favorecer esa suba e a do salario mínimo interprofesional. Pero o que non permitiremos é que sumar para os demais supoña restar para nós, como aconteceu co último orzamento do estado, que reduciu o investimento en Galicia nun 40%. Non nos resignamos a formar parte da España baleira, da España pobre. Queremos xerar renda e riqueza, emprego e benestar, e para iso precisamos uns orzamentos sociais, que desenvolvan o país e creen oportunidades de emprego”, reclama o voceiro de En Marea.

En Marea enfronta o 28 de abril cun proxecto que recolle o espírito do 8m e do 15m, e que porá o foco na defensa da igualdade e do medio ambiente. “O cambio climático xa chegou, e non nos resignamos a seguir contaminando e mermando a calidade ambiental. Non renunciamos a que todo o mundo teña unha posibilidade de vivir mellor. Pero non haberá revolución sen igualdade. Non podemos vivir de costas á metade do planeta”, reivindica Villares.

O voceiro de En Marea explicou a vontade da formación de mudar a lexislación para que todas as persoas poidan ter unha morte digna. E lembrou a especial precarización que afecta ao emprego feminino e a sectores como as kellys ou as redeiras, que precisan dun regulamento específico. Tamén apostou por un modelo orzamentario de base social e que garanta a xustiza fiscal. “Hai que buscar o diñeiro onde o hai, non como fai Feijóo, que esta ano baixou o imposto de patrimonio ás persoas máis ricas. Mentres, non hai diñeiro para servizos públicos dignos, para sanidade ou educación”, denuncia o voceiro.

O proxecto de En Marea para o 28A tamén atenderá ás necesidades do tecido produtivo e do pequeno comercio. Tal como indica Luís Villares, que denuncia o peche de negocios e reclama un regulamento dos horarios comerciais. “Pero mecesitamos unha política exterior xusta que non enriqueza a España e Europa a costa de empobrecer outros países que teñen dereito a un desenvolvemento xusto”.

O voceiro de En Marea volveu reivindicar a intención da formación de conseguir a derrogación da Lei Mordaza e das reformas laborais “que nos condenan á precariedade e á incerteza. Pero precisamos garantir tamén uns orzamentos xuntos para o noso país”, indica Villares, que avoga por “tecer alianzas de progreso. Con En Marea haberá investidura para unha maioria que non deixe ninguén atrás”, asevera.

A candidata ao Congreso pola Coruña Alba Nogueira encargouse de presentar unha convención na que distintos representantes da cidadanía interviron para falar da factura da luz e dos abusos das eléctricas, de pensións, de mocidade e emprego, da precaria situación dos autónomos e de agresións ambientais como a Mina de Touro. A traballar para solucionar todas esas problemáticas comprometéronse as candidatas ao Congreso polas catro provincias; Ana Seijas, Iris Malvido, Iván Olmos e Cristina Pérez Herraiz. Que tamén se comprometeron con problemáticas laborais como a de Alcoa ou Unitono.

Comentar noticia

Your email address will not be published.