En Marea asegura que o proxecto de Lei de Rehabilitación e rexeneración de Galicia ten unha orientación “liberalizadora e privatizadora onde o público se subordina ao interese privado”

O vicevoceiro no Parlamento, Antón Sánchez, e a deputada Julia Torregrosa enumeraron as eivas e baleiros do proxecto presentado pola Xunta que aseguran supón un risco para o patrimonio do noso pais, introduce inseguridade xurídica, mira unicamente polos intereses privados e abandona por completo os núcleos rurais
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea asegura que o proxecto de Lei de Rehabilitación e rexeneración de Galicia ten unha orientación “liberalizadora e privatizadora onde o público se subordina ao interese privado”

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, e a deputada Julia Torregrosa, manifestaron a súa oposición ao proxecto de Lei de Rehabilitación e Rexeneración de Galicia  que aseguran pode supor un grave perigo para o noso país, desprotexendo o noso patrimonio, introducindo inseguridade xurídica, mirando so polo interese privado e esquecendo por completo os núcleos rurais. O vicevoceiro Antón Sánchez lamentou que “Feijóo so teña oídos para os lobbies promotores” tal e como de manifesto neste proxecto de Lei. Sánchez referiuse ás declaracións da Conselleira esta fin de semana nas que aseguraba que se se recibían axudas non tería cabida ter a vivenda desocupada, unha afirmación que asegurou é “totalmente falso” xa que no hai ningún precepto dentro do proxecto de lei presentado que contemple tal cousa. Así mesmo, Antón Sánchez sinalou que esta cuestión é precisamente unha das grandes eivas do proxecto e polo tanto En Marea presentará unha emenda para arranxar esta cuestión que espera conte co apoio da conselleira en vista das súas declaracións. Así existe unha omisión de todo o relativo á vivenda baleira e unha ausencia total de programas de fomento de aluguer asociados aos programas de rehabilitación. “En todo o proxecto de lei nin tan sequera se menciona o concepto de vivenda baleira ou desocupada” denunciou Antón Sánchez.

“Se a Xunta está preocupada agora por mobilizar vivenda desocupada, non entendemos como rexeitaron as iniciativas que En Marea ten presentado de xeito reiterativo tanto para a definición de vivenda baleira para facer recargos no IBI ou extensión do censo de vivendas baleiras a todos os concellos de Galicia e non só aqueles que teñan máis de 5.000 habitantes” declarou o vicevoceiro de En Marea. Así mesmo, lembrou ao Goberno galego que conta cunha alternativa refrendada polo Tribunal Constitucional que pasa por crear un tributo propio para a vivenda desocupada.

Este proxecto aseguraron desde En Marea, “ten unha orientación liberalizadora e privatizadora onde o público se subordina ao interese privado”. Ademais aseguran engade confusión normativa e está baseada nun modelo obsoleto. En ningún caso fala do patrimonio público de solo e nos casos que fala de venda forzosa establece dúas poxas públicas na que Administración non concorre cunha redución de ata o 50 por cento na segunda. So despois destas dúas poxas a Administración podería facerse co inmoble o que supón como explicou Antón Sánchez “unha oportunidade perdida para reforzar o parque público de vivenda”.

Desde En Marea aseguran tamén que se deixa en situación de indefensión dos habitantes actuais dos ámbitos ordenados o que supón deixar en situación de indefensión a propietarios con recursos insuficientes para participar nos procesos de rexeneración urbana nin regula o realoxo dos que alí viven. “Non regula mecanismos de participación da cidade. Temos que ter cidades vivas. A participación cidadá e fundamental e non se regula en ningún caso” denunciou Sánchez.

O vicevoceiro engadiu tamén que “na súa ansia privatizadora aposta por que o subsolo privado en solo publico, unha demanda que veñen repetindo desde hai tempo os promotores privados”. Existen medidas de desprotección do patrimonio como asegurou Antón Sánchez.

No caso de núcleos rurais a situación é aínda peor xa que quedan totalmente esquecidos. “Despois de anos de desertización do rural e limitar as posibilidades da xente a quedar no rural, hai miles de núcleo abandonados para as que non hai unha soa proposta para rehabilitacións. Unicamente que concellos poderán facer un rexistro de núcleos desocupados para poder vendelas sen máis. Poñer en venda a prezo de saldo o patrimonio do noso país” concluíu Antón Sánchez.

A deputada Julia Torregrosa pola súa banda coincidiu en salientar os graves perigos desta lei para a o noso territorio. Destacou a falla de protección de edificios non catalogados nos centros históricos que si que o son quedando sen a protección necesaria os edificios illados. A axilización de trámites que considerou imprescindible pero que “debería arranxarse con máis recursos e persoal e non valer para xustificar un descontrol do noso patrimonio”. Así mesmo considerou que as expropiacións forzosas debería ser en casos extraordinarios pero deberían iniciar políticas activas orientadas a conservación do patrimonio con axudas e orzamentos específicos.

“Trátase dunha lei pensada máis con espírito especulativo que de respecto ao patrimonio e o coidado que debe ter a Administración por preservar o patrimonio do noso país xa bastante desfeito e desprotexido” rematou Julia Torregrosa.