En Marea calcula que a Xunta deixará de ingresar 18 millóns de euros pola rebaixa fiscal ás grandes fortunas

Luís Villares pregunta a Feijóo a que se deben estes “favores fiscais” que impiden atender ou mellorar servizos como educación ou sanidade
Publicado por o día 07/11/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea calcula que a Xunta deixará de ingresar 18 millóns de euros pola rebaixa fiscal ás grandes fortunas

A rebaixa de impostos anunciada pola Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio fiscal só é unha rebaixa de impostos para as grandes fortunas e patrimonios en Galicia. Luís Villares preguntou ao presidente da Xunta de Galicia sobre os motivos desta rebaixa que só supón facer “favores fiscais” a xente que non o “necesita” e que impide mellorar ou atender servizos que demostran día a día que están necesitados de máis inversión como a sanidade ou a educación.

En Marea calcula que o que a Xunta de Galicia deixará de ingresar nos vindeiros orzamentos por estes favores fiscais rondará os 18 millóns de euros, nun panorama sociolaboral en Galicia moi duro e que a “propaganda do PP non pode disimular”. Esta medida só afectará a pouco máis  7.000 persoas, as máis ricas de Galicia, que teñen un patrimonio de 9.000 millóns de euros e un patrimonio medio de 1,28 millóns.

Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, estas cifras e esta decisión do PP contrasta coa situación da economía galega e dos sectores de servizos. Esta medida suporá, segundo Villares, “un incremento da desigualdade económica e social, agrandando os privilexios dos máis ricos”. Para o voceiro, a situación de Galicia requeriría doutros medidas. En Galicia “hai 77.100 persoas con emprego menos que antes da recesión, e máis precariedade, porque todo o emprego asalariado creado dende 2013 ten contrato temporal, polo que a taxa de temporalidade supera o 26,8%”. Engadiu tamén na súa intervención que a metade da clase traballadora “é precaria, porque o 26,8% ten un contrato temporal, o (13,8%) traballa a tempo parcial e o 16% rota entre o desemprego e o traballo precario”. Segundo sinalou Villares, “as mulleres e a xente nova sofren aínda máis esta precariedade con taxas que superan o que unha sociedade moderna pode consentir”.

Tamén se referiu Luís Villares ao emprego “postrecesión”, “un emprego que empobrece, a xente que traballa gaña menos que antes: fíxese: As persoas que mantiveron os seus empregos perderon de media o 8% do seu poder adquisitivo, pero os que o perderon e atoparon outro perderon o 29% do seu salario real”.

En claro contraste coa decisión fiscal da Xunta de Galicia o panorama do país explica que “son algo máis de 1,2 millóns de persoas as que conforman o universo da precariedade”. Un universo formado non só polos traballadoras, senón tamén polas súas familias. Para o voceiro de En Marea, “nesta situación, espérase dun goberno con sensibilidade social unha actuación firme e decidida a prol da cohesión social, da loita contra a precariedade, e políticas públicas que superen esta situación”.

Villares sinalou que  en lugar de atender estas necesidades, “a medida estrela dos orzamentos de Feijoo é a baixada de impostos… ben.. a quen se lle baixan os impostos? Collamos o imposto sobre o patrimonio, que sofre a máis grande das rebaixas. Que grava o imposto sobre o patrimonio?A RIQUEZA EN ESTADO PURO, ser propietario de bens e dereitos de contido económico, unha vez deducidos cargas e gravames, e as débedas e obrigas persoais ás que deba facer fronte”.

O voceiro de En Marea considera que esta rebaixa “é un favor fiscal” que supón que “mentres a xente normal non chega a fin de mes, Feijoo regálalles millóns de euros aos ricos”. Os datos deste “favor fiscal” son os seguintes:

  1. Este é un imposto para ricos.
  2. Canto máis grande é o patrimonio, canto máis rico é o contribuínte, máis grande é O AGASALLO DE FEIJOO.
  3. Así, con 3 millóns de euros, os grandes fortuna van aforrar 6000 euros ao ano coa reforma de Feijoo.
  4. Se teñen 6 millóns de euros, van levar de regalo 16.000 euros ao ano
  5. E se teñen máis de 10 millóns de euros, de premio van levar case 40 mil euros anuais

En conxunto, estes “favores fiscais” van supoñer que no orzmanento vindeiro van recadarse arredor de 18 millón de euros. Un favor a pouco máis de 7.000 persoas mentres que o 40% da poboación de Galicia non chega a fin de mes.

Luís Villares lembrou algúns datos máis do que significa esta renuncia a recadar 18 millóns de euros das fortunas máis ricas. Con estes 18 millóns se poderán pagar anualmente:

3.718 risgas
60.000 gardas médicas de 17 horas en PAC’s como o de A Estrada

En Galicia hai 108.000 persoas en situación de probreza severa, con ingresos inferiores a 342 euros ao mes. Con estes 18 millóns poderían vivir 54.000 persoas, a metade da poboación máis necesitada de Galicia.