En Marea celebra a absolución dos oito sindicalistas de Airbus

Publicado por o día 17/02/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea celebra a absolución dos oito sindicalistas de Airbus

Agarda sacar adiante a iniciativa presentada polo grupo no Congreso para descriminalizar o dereito a folga

Yolanda Díaz, En Marea: “Ten que ser unha garantía poder desenvolver unha folga con normalidade sen que se pidan penas de cárcere para os traballadores”

 As deputadas e deputados de En Marea aplauden a decisión xudicial dada a coñecer esta mesma mañá de absolver os oitos sindicalistas de Airbus procesados por participaren en piquetes informativos durante unha folga en 2010.

“Queremos darlle a noraboa aos sindicatos de clase que estiveron defendendo que a folga non é delicto e aos oito traballadores sindicalistas imputados por defender o dereito so traballo e o dereito á folga. Este é o camiño que temos que seguir. Demostráronnos que cando nos organizamos como clase traballadora gañamos e que temos a razón”, indicou a deputada de En Marea Yolanda Díaz.

Dende En Marea, ademais de participar nos diferentes actos de apoio a estes traballadores nas últimas semanas, incluíron entre as primeiras inciativas presentadas no Congreso polo Grupo confederal Podemos-En Comú Podem-En Marea, a solicitude de derrogación do artigo 315.3 do Código Penal, que criminaliza un dereito laboral tan fundamental como é o dereito á folga. “Presentamos unha iniciativa para ser discutida no Pleno e na Comisión na que insttamos á derrogación do artigo 315.3 que agrava as penas nos casos de defensa dos traballadores ou de participar en folgas por parte de traballadores. Cremos que hai maioría suficiente na Cámara Baixa para derrogar esta normativa e naturalizar unhas relacións de traballo que teñen que ser centrais. Ten que ser unha garantía poder desenvolver unha folga con normalidade sen que se lle pida unha pena a traballadores, como foi o caso de Airbus, de oito anos”, sinalou Yolanda Díaz.

PRENSA EN MAREA