En Marea celebra que a moción saia adiante e traballará para poñer no centro as demandas de Galicia

“Desde En Marea cumprimos cun dos compromiso para o que fomos elexidas. Chegamos ás institucións para botar ao PP e traer as demandas de Galicia ás Cortes”, insistiu o voceiro no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello.
Publicado por o día 01/06/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea celebra que a moción saia adiante e traballará para poñer no centro as demandas de Galicia

En Marea celebra que por fin se desaloxe do poder ao Goberno do Partido Popular e destaca o peso dos cinco votos deste grupo na Cámara baixa, que traballará “para poñer no centro as demandas de Galicia”.

O voceiro no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que onte interviu no pleno para defender a posición deste grupo, insistiu en que agora “ábrese un horizonte limpo para a democracia e prodúcese un cambio desexado pola cidadanía. Contribuímos, sentímonos orgullosos por desaloxar do poder a un Goberno que emana dun partido corrupto”, insistiu Fernán Vello.

O deputado destacou que hoxe “celebramos un cambio de época” e “En Marea está orgullosa de contribuir cos seus votos a rematar co tempo da corrupción e dun goberno de recortes”.

“Chegou o momento de pasar páxina, a sociedade estaba farta da corrupción, da impunidade e de gobernos contrarios aos intereses das maiorías. Tiñamos a obriga de acabar cun tempo de corrupción e responder ao clamor social de rexeneración democrática e recuperación das institucións públicas para a cidadanía”, insistiu.

Desde En Marea no Congreso e no Parlamento reclamamos “que se leve a cabo, como esquerdas transformadoras, políticas en beneficio e a dignidade das personas”.

Desde agora, agardamos que Pedro Sánchez “saiba afrontar os retos que temos como país no plano democrático, social e plurinacional” e que “teña en conta as demandas de Galicia” porque “nós traballaremos para iso”.

“En Marea vai continuar facendo o seu traballo, ser un motor das políticas do cambio. Vamos garantir que as demandas das maiorías sociais, da cidadanía galega, estén cada día no Congreso”, insistiu o deputado, destacando os compromisos e demandas que deberá cumprir Sánchez con Galicia.

Pola súa banda, o voceiro Luis Villares tamén fixo unha valoración da xornada, insistindo en que xa “dixemos que En Marea podía ser unha oportunidade e así foi”.

Ademais, asegurou que En Marea “cumpre cos seus compromisos coa cidadanía de Galicia”.

“En primeiro lugar para apartar aos corruptos do Goberno, que foi o detonante de todo, unha corrupción da que Galicia non era allea xa que sempre foi o laboratorio da corrupción do PP”. Así, nomeou o Caso Campeón, a Conde Roa imputado por financiamento ilegal, ou Palas de Rei alcalde condenado por prevaricación e acoso a unha secretaria do Concello.

Ademais da corrupción, lembrou as reformas laborais, o recorte brutal de dereitos sociais, en educación, en sanidade… “causando un enorme sufrimento á cidadanía galega”, lembrando a imputación de dous altos cargos do goberno galego por homicidio por denegar a medicación a dúas persoas enfermas de hepatite C e causar a súa morte.

O voceiro de En Marea rematou a súa comparecencia advertindo que “a sorte do PP en España ten que ser a sorte do PP en Galicia xa que Núñez Feijóo é o xemelgo de Rajoy na corrupción, no recorte de liberdades, de dereitos sociais”.