En Marea centrarase nas eleccións municipais e europeas tras as cales abordará unha reflexión en profundidade

Así o acordou onte sábado o Consello das Mareas, nun encontro no que ademáis se fixo unha valoración dos malos resultados do espazo nas Xerais, e trazou as liñas de actuación para a campaña dos comicios do vindeiro 26 de maio
Publicado por o día 05/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea centrarase nas eleccións municipais e europeas tras as cales abordará unha reflexión en profundidade

O Consello das Mareas reunido onte, 4 de maio, en Pontevedra este 4 de maio, na que valorou a situación política tras as eleccións Xerais e fixou as liñas de actuación para a campaña dos comicios municipais e europeos do vindeiro 26 de maio. O Consello analizou o resultado das Xerais e as próximas Municipais e Europeas sendo consciente da complexidade do momento político.

Na resolución aprobada por unanimidade afirma que “En Marea afronta estas novas citas electorais, consciente de obter un resultado moi insatisfactorio nas Xerais pero coa forza que lle dá saber que as mareas municipais son un músculo firme onde sustentar o cambio”.

En Marea súmase tamén á satisfacción cidadá  porque a dereita non sume e “alegrámonos sinceiramente da vitoria nas pasadas eleccións xerais do bloque progresista, do que formamos parte”.

De feito, segundo o Consello “nós colaboramos a esa situación con ese mesmo chamamento, que  a xente acolleu, pero concentrándoo sobre todo arredor do PSOE”. “Nesta situación polarizada, real ou condicionada desde o poder para volver á estrutura do bipartidismo, a xente optou por concentrar o voto en frear á dereita, que unido á clave estatal dos comicios acabou pasándonos factura”; afirman na resolución aprobada ante polo órgano de dirección do espazo.

Así e todo desde En Marea, “sentimos sobre todo alivio pola contención da dereita e ledicia porque se poda compoñer unha maioría de esquerdas, que sentimos como propia, porque a xente que decidiu por prudencia priorizar a contención da dereita no PSOE é a mesma xente que confiou na marea noutras ocasións. Foi unha situación de emerxencia á que se lle deu unha resposta de emerxencia”.

Maioría progresista dende o primeiro día

Desde En Marea agardamos “que o resultado se converta nun goberno progresista dende o primeiro día, porque iso foi o que quería a xente”. Confiamos, afirman desde o Consello, “en que ás forzas progresistas, ás que agora teñen a responsabilidade, faciliten en primeiro lugar unha investidura do candidato da forza progresista máis votada sen demorar dous anos a formación do goberno e que o PSOE entenda que moitos votantes de esquerda deulles a confianza para un goberno progresista real”.

En Marea, non obstante, amósase preocupado pola situación de Galicia neste panorama e pola volta ao modelo bipartidista. Para o espazo do cambio “a forte polarización de voto  tivo non obstante un enorme sacrificio para os intereses de Galicia. A reacción de emerxencia fronte á dereita déixanos cunha voz feble na defensa dos nosos intereses nacionais como galegas e galegos”.

De igual xeito “tamén resulta preocupante que a concentración de voto para frear a extrema dereita, que ao final resultou máis reducida en votos do que a campaña do medo situaba, volveu colocar o PSOE como un dos piares dun neobipartidismo en recuperación. O outro sairá da disputa da hexemonía entre o PP e Cs”, incidiron os membros do Consello das Mareas

Este retorno á hexemonía bipartidista e a falla de referentes propios nas Cortes, “dificulta con claridade a capacidade das novas forzas do cambio para ser alternativa e reduce á fractura catalá a posibilidade dun proceso de tránsito democrático.

Os malos resultados de EM

En Marea abordou a campaña nas peores condicións posibles e tras un período de inestabilidade interna e dunha ruptura a pouco máis dun mes para as eleccións. Non obstante iso non é escusa de que algo fixemos mal, pois todas as enquisas, a 10 días das Xerais dábannos posibilidades de éxito relativo que despois non se confirmaron.

“Quixemos facer e fixemos unha campaña das ideas e das propostas nun momento en que o medo era o motor do discurso”, afirman desde o Consello. Por iso, continúan dicindo, “lanzamos como idea central da nosa utilidade condicionar a alianza progresista garantizando que o PSOE non pactaba con Ciudadanos e que a maioría progresista se compuña en clave galega, con respecto aos nosos intereses colectivos, pero iso non foi observado así polo electorado.”

Neste resultado “converxeron varios factores alleos a nós” como “a polarización de voto en clave estatal, a excepcionalidade dun voto mobilizado polo medo, ou o pouco tempo que tivemos para explicar o noso proxecto tras a ruptura do espazo”.

Asemade, o Consello  fixo unha valoración crítica, lonxe de escusas, sinalando quenon fomos capaces de ver a dimensión da polarización e como esta nos ía afectar e non soubemos acertar no fío argumental que conectara cunha parte máis importante do electorado que ata uns días antes se identificaba con nós.”

Municipais e Europeas para encarar o futuro

En Marea reafírmase en que “vimos á política para ofrecer un proxecto cidadán galego baseado na radicalidade democrática, o rexeneracionismo ético  e a xustiza socia”. Sabemos”, di a resolución do Consello,  “que non escollemos o camiño máis fácil, e a partir de agora aínda se volverá máis complicado, pero proclamamos o noso compromiso firme e decidido de seguir traballando para consolidar un proxecto que mereza a confianza da maioría da cidadanía galega”.
 
Para En Marea, agora toca estar de lado das mareas municipalistas, tanto as que se presentan baixo a coalición de Mareas Locais como as que non.

“O 2015 foi unha primavera de participación e cambio nos nosos concellos. Hai catro anos agromaron medio centenar de mareas municipalistas que, desde o goberno algunhas e outras desde a oposición, levaron aire fresco ás institucións máis próximas á veciñanza, e amosaron que novas maiorías cidadás podían ser realidade. Catro anos despois esas mareas locais volven someterse ao veredicto popular xunto con moitas novas que ata case un centenar se presentan ás eleccións municipais”, valorou onte o Consello.

Asemade. para o Consello das Mareas “toca tamén, xunto cos nosos aliados da candidatura Compromiso por Europa, explicar e defender a Europa social e democrática que queremos.Estamos un mundo onde xa non existe o concepto de política internacional porque a perda de soberanías fai que noutros lugares, e tutelados polas grandes corporacións, se decidan cousas que afectan ás nosas vidas. A Unión Europea está nun proceso de autodestrución democrática e social que hai que parar. As políticas de axuste cos países do sur e os sectores máis vulnerables propiciaron unha crise democrática, un sufrimento para as poboacións e un auxe do populismo, especialmente perigoso no caso da extrema dereita”.

Desde o Consello emprazamos “a todas aquelas persoas, que nas xerais non nos votaron porque entenderon que outras forzas eran máis útiles no momento de extrema gravidade que viviamos, a recuperar o voto por En Marea.”

Conscientes de que “estas municipais temos que revalidar o apoio ás mareas municipalistas e nas europeas volver a asegurar a presenza da cidadanía galega en Bruxelas.”

Tempo de reflexionar

Por último, o Consello das Mareas, consciente da mensaxe que envía a cidadanía nos procesos electorais, abrirá un debate profundo no vindeiro mes de xuño “onde as persoas inscritas reflexionen colectivamente sobre o futuro da organización e a forma de afrontar con solvencia as eleccións autonómicas de 2020, co obxecto de merecer a confianza da cidadanía galega, comprometida coa radicalidade democrática, a igualdade e a xustiza social”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.