En Marea chama á participación para que Galicia conte nun estado no que os dereitos e liberdades non retrocedan una milímetro

O voceiro e as candidatas apelan á ilusión e confían en conseguir o apoio da cidadanía para impulsar unha Galicia desenvolvida: porque “temos dereito a ser felices na nosa terra”.
Publicado por o día 28/04/2019 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea chama á participación para que Galicia conte nun estado no que os dereitos e liberdades non retrocedan una milímetro

En Marea fai un chamamento para que toda a cidadanía participe no proceso electoral dun 28A decisivo para decidir a Galicia e o estado que queremos. Logo de depositar os votos nos seus respectivos colexios electorais, tanto o voceiro, Luís Villares, como as candidatas Cristina Pérez Herraiz, Iván Olmos, Ana Seijas e Iris Malvido expresaron a súa confianza no poder de decisión dunha Galicia que hoxe se xoga moito.

“Queremos chamar a todo o mundo á participación. Porque en democracia é esencial expresarse e participar. Están en xogo as libertades públicas, a xustiza social, a defensa dos intereses de Galicia. Aínda que haxa persoas que pasen da política, a política non pasa de un. As becas dependen da política, ter traballo depende da política, a ampliación das liberdades depende da política. Polo tanto, reivindicamos o exercício da democracia como un dereito e un deber cidadá, lembrando que estas liberdades das que hoxe gozamos costou moito conseguilas. Por iso chamamos a participar”. Así falaba Luís Villares logo de depositar o seu voto na Casa das Linguas de Lugo, acompañado polas cabezas de lista por esa provincia ao Congreso e ao Senado, Cristina Pérez Herraiz e Victoria Esteban.

Tamén a candidata lucense destacou a necesidade de que a cidadanía tome partido e opte por impulsar unha sociedade na que o medo non teña cabida. Unha sociedade libre, feminista e xusta. “Teño dúas netas, e quero que para elas quede un Lugo no que a xente queira vivir. Pero sobre todo quero que se nos respecte como mulleres, que ningunha muller teña que dar un paso atrás”, aseveraba Pérez Herraiz á saída do seu colexio electoral, no Centro de Convivencia Fingoi.

Fronte aos que ao longo desta campaña electoral tentaron facer crer á xente que o futuro se constrúe sobre o medo, En Marea apela á “esperanza e a ilusión en que as cousas poidan cambiar. Este é o momento decisivo para ampliar liberdades, ampliar o estado do benestar e defender mellor os nosos intereses. Porque temos dereito a ser felices na nosa terra”, destaca Villares.

Tamén o candidato ao Congreso por Ourense, Iván Olmos, apelou á participación. “Nos últimos días a xente tivo ocasión de escoitar as nosas propostas. Agora é importante que a xente vaia votar, sobre todo nunhas eleccións nas que debemos ser capaces de frear á nova dereita reaccionaria”.  O candidato amosouse esperanzado en que a cidadanía opte por deixar de lado opcións retrógradas que apostan por recortar dereitos e calidade de vida. “Queremos que a xente participe na toma de decisións. E hoxe pode falar sen ningún tipo de cortapisa e dicir que é o que realmente quere para o futuro desta provincia e para o futuro do país”, afirma Olmos.

Na mesma liña se expresou a candidata pola Coruña logo de votar no Pavillón de Bertamiráns. Ana Seijas apelou á ilusión e fixo un chamamento á participación nesta xornada electoral. “Desexamos que a xente participe neste 28A, porque a política afecta a todos os aspectos da súa vida. A política decide o futuro das pensións, decide os salarios, decide todo aquelo polo que a xente loita cada día. Hoxe temos unha ocasión decisiva para defender Galicia, para defender un futuro de progreso, blindar dereitos e garantías e apostar polo benestar da nosa cidadanía”, afirmou a cabeza de lista ao Congreso.

Seijas lembrou o decisivo dunha xornada na que se decide o futuro do estado. E na que as galegas e galegos teñen a ocasión de apostar por uns representantes políticos que leven a súa voz clara e decidida, sen cortapisas nin subordinación a outros grupos estatais, ao Congreso e ao Senado.

Tamén a candidata por Pontevedra apelou á participación e á ilusión dende o vigués Pavillón das Travesas. Aínda que votou por correo, Iris Malvido acompañou ata alí ao número dous ao Congreso por esa provincia, Manuel González Moreira. E aproveitou tamén para lembrar todo o que as galegas e galegos se xogan nunha xornada decisiva para frear ás dereitas e garantir un futuro feminista e xusto para un estado que non deixe ninguén atrás. “Porque non hai Galicia B nin planeta B”, destaca Malvido.