En Marea condicionará a formación de goberno á anulación da licencia de Ence

Publicado por o día 19/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea condicionará a formación de goberno á anulación da licencia de Ence

“En Marea é a única forza política galega herdeira do 15 M democrático e agora do 15 M ambiental que di alto e claro que quere a ENCE fóra da Ría e que o quere xa, polo que condicionaremos a formación de Goberno ao respecto dos valores ecolóxicos e á decisión rápida de anular a licencia concedida de xeito ilegal a ENCE por parte do Partido Popular”, así asegurou Luís Villares, voceiro de En Marea, na súa visita á ría de Pontevedra.

Despois dun percorrido en barco para coñecer o estado da Ría, Luís Villares e Iris Malvido, candidata pontevedresa de En Marea ao Congreso, denunciaron que o Partido Popular realizou unha prórroga ilegal de ENCE. “A situación da ría de Pontevedra é un exemplo de como a contaminación e a corrupción se dan a man. A presenza de ENCE supón a contaminación da auga e do aire e a imposibilidade dun desenvolvemento racional da Ría, pero tamén é un exemplo de corrupción por parte do PP, podendo facer uso das portas xiratorias e entrar nos consellos de administración”, expuxo Villares.

O voceiro de En Marea tamén lamento que o PSOE non aposte por facer unha política distinta á do Partido Popular no que se refire a Ence e acusouno de ser “cómplice” de que ENCE continúe no estado actual porque “tivo na súa man nos últimos 10 meses anular unha prórroga ilegal e só agora, por motivos electoralistas, din que se acollen a esa vía”, recalcou Villares para explicar que tamén “hai outras forzas que apoiaron os orzamentos e que agora se manteñen ambiguas e non din claramente que queren botar a ENCE da Ría”. Neste sentido, Luís Villares mostrouse sorprendido de que durante esta campaña “Podemos, que se consideraba herdeiro do 15M e que está gardando silencio sobre ENCE”. Así, recalcou que dende En Marea queren a ENCE fóra da Ría xa.

Iris Malvido defendeu que dende En Marea se aposta “por un modelo moito máis sostible e por un emprego máis razoable dos nosos recursos porque somos conscientes de que non hai planeta B nin Galicia B”. Luís Villares afirmou que a formación é “herdeira do 15M democrático de 2011 que nos indignou e que nos fixo comprometernos co nos país e tamén do 15M do 2019, do da xente moza que saíu á rúa para loitar contra o cambio climático e reclamar a defensa do Medio Ambiente” e puxo como exemplo de unión destes dous movementos a defensa da ría de Pontevedra.

Sobre o conflito xurdido a raíz dos debates electorais, Luís Villares puxo o foco en que “as eleccións ás que nos enfrontamos son as máis abertas e toda a democracia e En Marea ten que contar con presenza propia”. Villares aproveitou para reclamarlle a Pedro Sánchez participar nos mesmos. “En Marea é a segunda forza no Parlamento de Galicia e debe estar presente en pé de igualdade nun debate no que se defendan os termos democráticos, de xustiza social e de plurinacionalidade”, afirmou o voceiro da formación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.