En Marea consegue o respaldo unánime do Parlamento de Galicia para a posta en marcha da conexión Vigo-Porto

A iniciativa pide que o goberno central, o portugués e a Xunta de Galicia traballen en conxunto no desenvolvemento dos proxectos para acceder aos fondos europeos para o corredor atlántico ferroviario
Publicado por o día 25/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea consegue o respaldo unánime do Parlamento de Galicia para a posta en marcha da conexión Vigo-Porto

En Marea conseguiu o apoio unánime do Parlamento de Galicia para impulsar a conexión ferroviaria Vigo-Porto e para que tanto a Xunta como o goberno central poñan en marcha os traballos para facer posible unha conexión ferroviaria que a Comisión Europea xa ten recollido entre as súas prioridades para as infraestruturas europeas nos vindeiros anos.

O vicevoceiro do GP de En Marea, Antón Sánchez, explicou no Parlamento de Galicia a importancia desta conexión para o desenvolvemento de Galicia e para o afortalamento das relacións con Portugal. Tamén sinalou Sánchez a importancia de aproveitar que “Europa xa deu o visto para as inversións no corredor Atlántico e a importancia de aproveitar esas inversións para facer realidade unha infraestrutura que leva sendo demandanda”.

Todos os grupos da cámara aprobaron a petición formulada por En Marea no sentido de que a Xunta de Galicia e o goberno central deben poñer en marcha as medidas que faciliten a posta en marcha desta conexión e acabar coa marxinación de Galicia que ata agora “estaba completamente afastada do deseño do corredor atlántico ferroviario”.

Na súa intervención, Sánchez lembrou a historia recente do corredor atlántico e do imprescindible conexión Vigo-Porto como parte central do mesmo. No mes de xuño de 2018 a Comisión da Unión Europea aprobaba a proposta de integración de Galicia no corredor atlántico, o que significou, como tal proposta e aínda en trámite no Parlamento Europeo unha boa nova e a reparación parcial do sinsentido que era a exclusión total de Galiza da rede de corredores de mercadorías europea.  Máis tarde a Comisión de Transportes do Parlamento europeo, no día de 22 de novembro, aprobou a inclusión de varias conexións, entre elas a Vigo-Porto no corredor atlántico ou a Madrid-Valencia-Sagunto-Teruel-Zaragoza no Corredor Mediterráneo. Sorprendentemente, na xuntanza do Consello da Unión Europea de 3 de decembro, non se incluíu na proposta debatida a conexión Vigo-Porto e si en cambio a Madrid-Valencia-Sagunto-Teruel-Zaragoza.

O vicevoceiro de En Marea apuntou que era “descoñecida a razón pola que o goberno español non incluíu dita conexión na proposta a debate, pero consideramos que é unha decisión que supón un trato desigual e inxusto con Galicia, á que se aparta da posibilidade de acceder en mellores condicións ao financiamento de actuacións de modernización e mellora da competitividade das conexións ferroviarias de mercadorías”. O procedemento de reforma regulamentaria dentro das institucións europeas non está rematado e estase a tempo de reparar esta situación, segundo sinalou tamén Sánchez.

Sánchez sinalou tamén que é imprescindible que o goberno central “apoie a inclusión da conexión Vigo-Porto dentro do corredor atlántico e que con ese apoio se complete a reforma do regulamento do transporte transeuropeo”. No mesmo sentido, a iniciativa defendida por Sánches pide tamén que tanto o goberno central como a Xunta de Galicia se poñan a “traballar en colaboración co goberno portugués nos proxectos necesarios para poder acceder aos fondos de Europa”.