En Marea consegue que se aprobe case na súa totalidade o seu plan de traballo para a comisión de investigación do Marisquiño

O grupo parlamentario abstívose na votación do plan de traballo ante a negativa do Partido Popular a aceptar a petición de comparecencia de Feijóo
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea consegue que se aprobe case na súa totalidade o seu plan de traballo para a comisión de investigación do Marisquiño

O grupo parlamentario de En Marea logrou que se aprobase case de xeito íntegro o seu plan de traballo para a comisión de investigación do Marisquiño salvo a petición de comparecencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que foi rexeitada por parte do grupo popular que empregou a súa maioría para impedir dita comparecencia. Por este motivo, o voceiro de En Marea, Luís Villares, e a vicevoceira, Carmen Santos, optaron por absterse na votación para aprobación do plan de traballo da comisión que tivo lugar esta mañá.

A vicevoceira Carmen Santos salientou na súa intervención a importancia de que determinados colectivos como a asociación de vítimas, a concelleira de festas e turismo ou os traballadores de Autoridade portuaria tiveran espazo nesta comisión, algo que finalmente foi aceptado polo Partido Popular despois das negociacións cos distintos grupos da oposición.

Deste xeito En Marea logrou que se inclúan comparecencias como a do xefe de área de planificación e infraestruturas da Autoridade Portuaria e o xefe de área de explotación, do presidente de Portos do Estado, do organizador do evento, Carlos Domínguez, o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, a concelleira de Festas e Turismo de Vigo, Ana Laura Iglesias, o delegado da zona franca que viviu en primeira persoa o sinistro, ou representantes dos usuarios do porto deportivo de Vigo.