En Marea considera que o ditame da comisión parlamentaria sobre os lumes non está a altura do que Galicia necesita

Publicado por o día 11/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea considera que o ditame da comisión parlamentaria sobre os lumes non está a altura do que Galicia necesita

En Marea considera que o ditame da Comisión especial de estudio e análise das reformas da política forestal é un “ditame que non é valente” e que “non está a altura das necesidades do país” tal como explicou na súa intervención o voceiro de En Marea nesa comisión, o deputado Davide Rodríguez.

Segundo explicou na súa intervención na cámara o deputado de En Marea “non entendemos dende o Grupo Parlamentar de En Marea cal foi o motivo polo  que o equipo redactor non foi quen de ser  valente e resolto e redactar unhas recomendacións acordes e a altura que este país se merece”. Rodríguez lembrou algunhas das cifras que explican con contudencia a situación de Galicia respecto dos lumes forestais “Galiza representa menos do 6% da superficie do territorio español, pero na nosa comunidade prodúcense o 70% do total de incendios e arde un 56% da superficie total queimada en España. O número, superficie queimada e recurrencia en determinadas zonas dos incendios en Galicia non é natural. De feito, xunto co norte e centro de Portugal, Galicia é a única rexión atlántica europea na que os incendios forestais son un problema”.

Davide Rodríguez denunciou durante a súa intervención no Parlamento de Galicia que a Xunta de Galicia negou algúns datos fundamentais para entender a situación que vive o país. Negáronse ata 27 informes solicitados por En Marea e, aínda de maneira máis sorprendente, “o PP rexeitou emendas vitais para que o ditame da comisión resultase realista”.

As conclusións obtidas pola participación de En Marea nesta comisión consideran que o ditame “non muda sustancialmente a problemática dos incendios forestais no noso país”. En Marea tamén propón unha serie de medidas, entre outras:

– Non permitir más arborización con especies xénero Eucalyptus.
– Que non se faga ningunha excepcións a este punto en Rede Natura ou en zonas con algunha figura de protección ou en zonas de protección hidrolóxica.
– Recuperar as Unidades de xestión Forestal como figura para a xestión conxunta do monte a potenciar por parte da Xunta de Galicia.- Aprobar un paquete de medidas fiscais incentivadoras da xestión conxunta do monte calqueira que sexa a súa fórmula xurídica sempre que ningún dos socios supere o 49% da propiedade.
– A elaboración dun mapa de usos de solo de Galicia elaborado por comarcas, que inclúa un Catálogo de Chan de Alta Produtividade Agropecuaria e que sirva de base para unha planificación dos usos a medio e longo prazo

Davide Rodríguez tamén se referiu ao papel xogado polos medios públicos de comunicación asegurando que a Televisión de Galicia “non cumpriu o seu obxectivo, incorrendo nunha perigosa deixadez de funcións: a súa obriga, como medio público, era a de estar informando tanto por televisión como por radio e redes sociais do estado dos incendios e transmitíndolle á poboación as indicacións das autoridades e das persoas responsables da extinción, coa finalidade de garantir a seguridade e a supervivencia da veciñanza das zonas máis afectadas”. Neste sentido, En Marea pediu que Medio Rural informe “en dous partes diarios na súa páxina web de tódolos incendios que se produzan, e non só daqueles que superen as 20 hectáreas ou supoñan un risco para as áreas poboadas ou para os espazos naturais protexidos, como fixo ata agora”. Tamén se pide que a CRTVG “manterá unha información constante para actualizar información sobre focos activos e controlados, vías de comunicación abertas e pechadas, centro educativos con clases suspendidas, precaucións que debe tomar a poboación civil e outras informacións de relevancia para a seguridade da poboación”.