En Marea considera que se o PP respalda a continuidade da Valedora converterase no cómplice desa corrupción

Publicado por o día 09/07/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea considera que se o PP respalda a continuidade da Valedora converterase no cómplice desa corrupción

Diante do debate da continuidade de Milagros Otero como Valedora do Pobo, En Marea considera que o Partido Popular de Galicia non pode facerse cómplice da “corrupción” que significa contratar para unha praza a María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PP, filla do mentor da propia valedora e sobriña de Manuel Fraga Iribarne. Segundo explicou o voceiro de En Marea, Luís Villares, “as conexións da valedora co PP son evidentes e a manipulación da propia valedora para colocar a quen era amiga e a irmá da persoa que dirixe o grupo parlamentario que a respaldou tamén son evidentes”. Por este motivo, En Marea considera que o feito de que o PP “vote a favor da continuidade da Valedora no seu cargo só pode significar que o PP avala esa política de corrupción, porque desde que se publicou a sentenza na que se explican os feitos, o PP non pode alegar sequera ignoracia”.

Luís Villares apuntou tamén a que as explicacións dadas pola Valedora do Pobo en sede parlamentaria “non só foron insuficientes senón que ademais supuxeron un engano flagrante “posto que cando di que en xaneiro se apartou do proceso de selección queda en entredito cando con data de marzo a propia Milagros Otero envía un documento no que dá instruccións sobre cales son os méritos a ter en conta para a selección da praza”. Queda claro, na mesma documentación presentada pola valedora que non só non se apartou “do proceso de selección no que quería colocar á filla do seu mentor senón que participou de xeito activo establecendo un baremo de méritos para a cobertura da praza”.

Desde En Marea considérase que a Milagros Otero pon en entredito a limpeza dunha institución consagrada á defensa dos intereses das persoas e que, ademais, vela pola transparencia das administracións. Por este motivo, Villares explica que o Partido Popular “non pode ser cómplice desta situación votando para apoiar a continuidade de Milagros Otero”. Para o Voceiro de En Marea, “a situación na que quedou a valedora trala sentenza do TSXG e despois da mentira á comisión parlamentaria só pode ser a de abandonar o seu cargo, pero se ela non quixo deixalo é labor do Parlamento de Galicia poñer as cousas no seu lugar e cesala para que esta corrupción non afecte á institución”.