En Marea critica a cativa axenda institucional de Feijóo e pide explicacións detalladas sobre as viaxes do goberno

“Temos un presidente a tempo parcial cunha axenda irrelevante”, indica Carmen Santos, que lamenta que Galicia non conte cunha axenda de país á altura das necesidades
Publicado por o día 28/12/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea critica a cativa axenda institucional de Feijóo e pide explicacións detalladas sobre as viaxes do goberno

En Marea critica a practicamente inexistente axenda institucional de Alberto Núñez Feijóo. Un “presidente ausente” que, en todo o último período de sesións, unicamente tivo actividade institucional dous sábados, dous domingos e un festivo. “Parece que non ocupa moito tempo ser presidente”, ironiza a vicevoceira da formación, que critica unha ausencia de actividade que evidencia a escasa iniciativa do responsable do goberno galego e o seu nulo papel para colocar a Galicia no panorama internacional e impulsar accións que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico da Comunidade.

A vicevoceira de En Marea aproveitou a comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores coa Unión Europea para denunciar a nula iniciativa do presidente da Xunta nese eido. E é que ao longo do ultimo período de sesións a actividade do máximo responsable do goberno galego nese ámbito limitouse a unha única visita a Oporto para participar nunha conferencia. “Que presidente con ganas de gobernar un país ten esta axenda institucional tan ridícula?”, pregúntase Carmen Santos. Que destaca a necesidade de “reforzar os lazos industriais e culturais con Portugal, así como a presenza internacional de Galicia”.

Para En Marea a practicamente inexistente actividade institucional de Núñez Feijóo; que tampouco ten “problemas para coller vacacións” cando mellor lle vai, tal e como evidencia o feito de que se mantivese totalmente ausente e á marxe da xestión da Xunta entre o 9 de agosto e o 4 de setembro; evidencian a súa falta de iniciativa e a súa nula implicación co desenvolvemento de Galicia. Algo que en última instancia se traduce na inexistencia dunha axenda propia de país e na irrelevancia da Comunidade galega no eido internacional.

A vicevoceira de En Marea volveu incidir na necesidade dunha maior transparencia no que se refire ás viaxes protagonizadas por distintos cargos do goberno da Xunta. E é que e pesar de ter presentado ata 110 preguntas para acadar información detallada sobre o desglose dos gastos e dos obxectivos conseguidos coas mesmas, “a avaliación posterior e os resultados son os dun goberno totalmente opaco”. “Contestaron unicamente 17 desas preguntas, e delas soamente 5 teñen datos sobre os custes, pero sin aportar ningunha xustificación nin nada similar”, lamenta En Marea, que destaca que se trata unha actitude “impropia dun goberno que fixo campaña contra o bipartito case unicamente acusándoo dos gastos de certos desprazamentos. Se non se fan públicos os datos é porque existe algo que se ten que ocultar”.

“Chama poderosamente a atención que non se faga pública a información detallada sobre os gastos. Parece impropio dun goberno transparente, que sustentou recortes moi duros para a cidadanía e esixiulle sacrificios que aínda hoxe está pagando a maioría social”, lamenta Carmen Santos. “Se están facendo un bo traballo non deberan ter problema en detallar cales son os gastos e o que se consegue con eles”.

En Marea insta a aclarar cuestións relativas á visita a Perú realizada polo vicepresidente Alfonso Rueda en novembro. Para a formación resulta rechamante que esta se organizase de xeito unilateral e sen a necesaria coordinación. E é que tan só unha semana despois as ONGs de cooperación galegas visitaban ese mesmo país. “Como é posible que Rueda decidise visitar os proxectos de cooperación de empresas como Pescanova, e non tiñese en conta ás organizacións sen ánimo de lucro?”, indica Carmen Santos, que quere saber quen tomou esta decisión e por que.

En Marea tamén apunta cara á viaxe a Xapón realizada polo conselleiro de Cultura para irmandar o Camiño de Santiago coa Ruta dos Templos do país nipón, para a que o goberno galego tampouco contou con outras institucións claramente implicadas. Ademais, a formación denuncia que a Xunta manteña ao Parlamento galego á marxe das xestións relacionadas coa Unión Europea no que atinxe a asuntos como as cotas de pesca ou a PAC; para os que a formación reclama un debate conxunto que permita fixar unha posición de país consensuada.