En Marea critica a inactividade da Xunta e a súa incapacidade para atallar unha nova vaga de lumes

Villares sinala ás 90 hectares queimadas esta fin de semana como exemplo da incompetencia de Feijóo para evitar que o vivido o ano pasado volva repetirse
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea critica a inactividade da Xunta e a súa incapacidade para atallar unha nova vaga de lumes

“Apenas dez días despois de que deixe de chover, volven os lumes ao noso país. Esa é a situación que temos despois da vaga de outubro, da que o Partido Popular, co presidente xordo Núñez Feijóo á cabeza, non aprendeu nada”. Con esas palabras critica o voceiro de En Marea, Luís Villares, a absoluta incapacidade do goberno galego para facer fronte ás problemáticas que afectan ao monte e ao conxunto do territorio en Galicia. Unha actitude de desleixo e inactividade que o grupo parlamentario de En Marea tentará atallar este venres, 25 de maio, coas xornadas parlamentarias “Territorio Queimado Territorio Silenciado”.

“Pasou todo o inverno sen que a Xunta de Galicia fixese absolutamente nada para que a dramática situación vivida o pasado outubro volva repetirse. Iso é o que é Núñez Feijóo para Galicia: unha oportunidade perdida”. Luís Villares critica que, tras comparecer no Parlamento obrigado polo grupo parlamentario de En Marea, Núñez Feijóo e o seu goberno teñan deixado pasar o tempo, eludindo a sua responsabilidade de poñer os medios necesarios para previr e actuar ante os incendios forestais. “As 30 medidas anunciadas naquel momento como novidosas, e que non eran máis que lexislación vixente incumprida, siguen sen cumprirse a día de hoxe”, lamenta o voceiro de En Marea.

Ante esta realidade, a formación esforzarase porque as voces e experiencias dos distintos axentes implicados na ordenación territorial e a xestión forestal poidan incorporarse ás conclusión da comisión parlamentaria sobre os lumes da que PP e PSOE excluíron a En Marea. “Fomos excluídos porque resultamos incómodos. Porque denunciamos os intereses lobbísticos que permiten que empresas mineiras sigan adiante con impunidade con proxectos que perxudican ao medio. Ou os que fan posible que o monocultivo forestal poida campar ás súas anchas no territorio cada vez máis abandonado do noso país”.

En Marea quere poñer o foco na “desfeita urbanística e territorial que afecta ao rural galego, pero tamén ás cidades. Motivo polo cal o lume chegou en outubro ao centro de cidades como Vigo”. Tamén no feito de que a Xunta de Galicia teña deixado aos municipios afectados á súa sorte; e nas denuncias de alcaldes e alcaldesas de distintas cores políticas, que critican que a Xunta se teña desentendido do pago de axudas e da recuperación socioeconómica de concelhos devastados, como Salceda de Caselas ou As Neves. Por ese motivo, nas Xornadas Parlamentarias Territorio Queimado Territorio Silenciado poderán escoitarse as voces dos rexedores locais. Pero tamén as de profesionais “que darán fé de que en todo o inverno non se fixo absolutamente nada”; as de expertos en ordenación que explicarán de que maneira se debe relacionar o urbanismo coa xestión do territorio; ou as de expertos en agrogandeiría forestal, que abordarán as posibilidades para a creación de cortalumes naturais que eviten que localidades como Nigran ou Carballeda de Avia poidan verse novamente sobrepasadas polas lapas.

As xornadas parlamentarias impulsadas por En Marea tamén terán en conta as aportacións do movemento ecoloxista respecto á funcionalidade do monte respecto á prevención do cambio climático. Así como os novos modelos de mobilidade que poderían contribuír á descarbonización da economía e facilitar o asentamento de poboación nun rural vivo.

En relación con esta realidade, o voceiro de En Marea denuncia a crecente falla de credibilidade dun Partido Popular “que leva oito anos defraudando ao conxunto da cidadanía”. Co seu desinterese e a súa falta de medidas para xestionar a problemática dos lumes; pero tamén con medidas como os reiterados pasos adiante na privatización e desmantelamento dun servizo público esencial como a sanidade. “Como pretenden que haxa xente xestionando o territorio, cando promoven o seu abandono con políticas como as que estamos vendo?”, pregúntase Villares, que lamenta o “legado triste e desolador” que o Partido Popular deixa a Galicia.

Apoio á nova folga de xustiza

O voceiro de En Marea tamén quixo amosar o respaldo da formación á nova folga convocada por xuíces e fiscais. “Cremos que estamos de novo ante unhas reivindicacións xustas”, asevera Villares, convencido da necesidade de poñer en marcha medidas efectivas que garantan a independencia do poder xudicial e eviten inxerencias do poder político. “Declaracións como as do ministro Catalá son inaceptables en democracia”, asegurou.

Villares tamén lembrou que “xa antes da folga había convocatorias de xuízos no Social para o ano 2020. Non pode haber xusticia xusta con demoras de máis de dous anos nun país que se di democrático”, afirma o voceiro de En Marea; que reclama medios suficientes para atallar esa realidade. “É imposible dispensar unha tutela xudicial efectiva e adecuada, vendo os matices de cada caso concreto, cando deben dictarse 600 sentenzas ao ano. E iso é o que reivindican xuices e fiscais: medios para poder facer o seu traballo”.

O voceiro de En Marea tamén ve necesario impulsar as medidas precisas para evitar a existencia de “espazos de impunidade” e “zonas grises” que permitan a corrupción e amparen a financiación ilegal de partidos e a proliferación de casos como o Gürtel.