En Marea critica a pasividade do Goberno ante o anuncio de nova subasta de interrumpibilidade

A deputada Yolanda Díaz asegurou este venres que En Marea non comparte ese modelo de política enerxética para a nosa industria.
Publicado por o día 07/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea critica a pasividade do Goberno ante o anuncio de nova subasta de interrumpibilidade

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, mantivo este venres unha xuntanza con Víctor Ledo, Secretario Xeral de Industria de Galicia de CCOO e a sección sindical de CCOO de Alcoa, para analizar as consecuencias da falta de políticas en materia enerxética e plantexar iniciativas para reverter esta situación.

Na xuntanza tratáronse varios temas, entre outros as novas condicións da subasta anunciada por Rede Eléctrica de España, unha cuestión pola que a deputada xa preguntou ao Goberno nunha pregunta rexistrada este mesmo venres.

“É consciente o Goberno do perxuizo que supoñen as novas condicións para a nosa industria, en especial para a electrointensiva da nova subasta?”.

“Nesta xuntanza falamos da situación da industria electrointensiva e os efectos da inacción por parte do Goberno. Estamos en situación de incertidume dos prezos insoportables das empresas electrointensivas. Seguimos sen respostas por parte de Ministerio de Industria”, explicou.

A deputada destacou que o que fixo o PP “foi unha subasta transitoria que non compartiamos en absoluto” e insistiu en que “onte na Rede Eléctrica anunciouse outra subasta que non encaixa coa previsión orzamentaria que hai”.

“Ao delegado de Goberno pedímoslle que defenda este sector en Galicia e que lle traslade á Ministra que urxe facer algo en materia industrial. Se o Estado non é capaz de baixar prezos e avanza noutro modelo, destruirá esta industria en Galicia”.

Díaz, como portavoz de Industria, tamén anunciou que pediu unha xuntanza á Ministra para tratar este e outros temas, como o futuro dos estaleiros públicos Navantia.

Pola súa parte, Víctor Ledo destacou que hai unha política industrial “nefesta”.

“Non se están dando os pasos axeitados. Pedimos ao Goberno un cambio nas actitudes e nas políticas que están aplicando. Están poñendo en risco as empresas e os empregos. Particularmente á industria electrointensiva en Galicia e na Coruña”, explicou.

Ledo destacou que “non pode ser que o PSOE esté a facer unha política como a do PP”:  “Teñen que comprometerse a manter o emprego nas empresas electrointensivas”.

Sobre Alcoa, destacaron que viven unha situación “grave e preocupante”.

“Vemos que se engade máis incerteza. Aínda non sabemos cal vai a ser o marco regulatorio que levan tempo prometendo. Non sabemos que vai facer o Goberno. Pedimos urxencia e unha mensaxe de tranquilidade e estabilidade. Pedimos producir con total independencia”, afirmou.