En Marea critica a redución do orzamento para investigación do INTECMAR e a falta de recursos para saneamento das rías

Paula Quinteiro denuncia os recortes efectuados pola Consellería do Mar ao estudo da mortandade do marisco e critica un orzamento continuísta que non atende as reclamacións dos traballadores e traballadoras do mar
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea critica a redución do orzamento para investigación do INTECMAR e a falta de recursos para saneamento das rías

En Marea denuncia o inaceptable recorte efectuado pola Xunta de Galicia ao orzamento para investigación do INTECMAR. E insta ao goberno galego a poñer en marcha un plan transversal que solucione as carencias de saneamento e permita acometer a recuperación integral das rías galegas. Así o expresou a deputada Paula Quinteiro logo de que a conselleira do Mar explicase no Parlamento de Galicia o orzamento dese departamento para 2019. Unhas contas continuístas e afastadas das necesidades reais, que non atenden as reclamacións dos traballadores do mar.

En Marea considera intolerable que, en lugar de fornecer recursos suficientes para coñecer as causas das mareas vermellas e aportar solucións á mortandade do marisco, a Xunta opte por recortar as partidas destinadas a investimento do INTECMAR. “É dicir a proxectos que permitan mellorar e incrementar as liñas de investigación do instituto, que pasa dos 912.000€ do 2018 aos 671.000 previstos para o vindeiro exercicio. Un recorte do 33%”.

A formación entende que o goberno galego debe realizar dunha vez unha aposta decidida pola recuperación integral das rías galegas. Nese senso, Paula Quinteiro lamentou que o orzamento de Mar non contemple recurso algún para saneamento, e instou á posta en marcha dun plan transversal neste eido. “Preocúpanos altamente a inexistencia dunha política decidida de saneamento das nosas rías, que se atopan nunha situación moi preocupante, especialmente na desembocadura dos cursos de auga. Sabemos que non é algo que dependa só da súa consellería, pero cremos que o modelo que están levando adiante é insuficiente”, indica a deputada de En Marea. Que tamén califica de burla a partida de 800.000 euros destinada a protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas mariños.

En Marea denuncia ademais que o orzamento de Mar para o ano próximo non conte con partidas para sufragar os necesarios paros biolóxicos ou as consecuencias derivadas da redución de cotas. Así como o feito de que a Consellería non contemple tampouco as compensacións necesarias para adoptar medidas que permitan aos traballadores do mar obter ingresos cando non se poidan sair traballar por razóns de mal tempo. Demandas, lembra a deputada, que ten efectuado o propio sector.

Sen medios para loita contra o furtivismo

Paula Quinteiro destacou tamén o feito de que, a pesar do acordo unánime recentemente adoptado polo Parlamento de Galicia, o orzamento de Mar non contemple partida algunha para contribuir á loita contra o furtivismo e dotar de vixilancia profesional pública os areais. Non teñen aunciado nada neste sentido. E estamos falando dun acordo unánime”, destaca a deputada. Que tamén denunciou que a Consellería falsee as cifras económicas destinadas a salvamento cun incremento que, na realidade, responde a unha modificación orzamentaria. “Cremos que a suba desa partida ten a ver con unha denuncia traída a este Parlamento por parte do grupo de En Marea, xa que a operatividade e os custes deste servizo durante o 2018 foron sufragados cunha modificación orzamentaria a pesar de que o contrato levaba anos asinado”, indica Quinteiro.

Por último, a deputada quixo destacar tamén o baixo nivel de execución orzamentaria que as contas de Mar tiveron en exercicios anteriores. E instou á conselleira a ter en conta as demandas dos traballadores e a impulsar política acordes ás mesmas. “Moitas persoas tiveron que deixar a actividade nos últimos anos porque non lles garantizaba uns ingresos suficientes cos que subsistir. E moitas outras continúan traballando pero cuns ingresos de miseria”, indica Paula Quinteiro, que lle lembrou á titular de Mar o descenso do número de embarcacións ou permisos de marisqueo a pé, e lamentou un orzamento insuficiente para reverter esa realidade.

Sanidade

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, arrancou a súa intervención na presentación dos orzamentos 2019 por parte do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, pedindo ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a destitución do conselleiro despois de se coñecer que o SERGAS defraudou á Seguridade Social máis de 23.000 euros.

Falando dos orzamentos, Eva Solla lamentou que coas contas para o vindeiro ano o Goberno galego deixe en evidencia que non vai facer nada para acabar cos graves problemas que a sanidade pública galega está a sufrir na actualidade e que pasan entre outras cuestións por unha carencia estrutural de persoal. Tampouco nada falou o conselleiro das listas de agarda non estruturais das que seguen sen dar información e que semella están a medrar de xeito preocupante en moitas especialidades e probas diagnósticas.

No relativo a partidas de prevención, a deputada de En Marea denunciou a falla de transparecencia que fai imposible saber a que colectivos se lles está a conceder axudas. Eva Solla criticou tamén a falla de partida algunha para prevención da ludopatía mentres a Xunta está a elaborar unha Lei co lobbie do xogo. Para programas de drogodependencia e prevención de drogadicción a Xunta de Galicia mantén o mesmo orzamentos do pasado ano pese aos graves colectivos que teñen a día de hoxe colectivos como Proxecto Home.

En relación á atención pediátrica o único que aparece foi a lamentable figura que teñen agora que retirar da lei de acompañamento ante a mobilización dos profesionais e da propia sociedade.

Un elemento preocupante como sinalou Eva Solla foi o gasto farmacéutico do que o conselleiro presumiu falando o incremento das partidas destinadas a este fin. Fronte a isto, a deputada de En Marea salientou a necesidade de que os prezos de compra sexan axustados ao propio mercado e lamentou que o goberno galego siga sen facer nada para arranxar os problemas denunciados polo Consello de Contas que fala de falla de transparencia nas contas.

Eva Solla na súa intervención asegurou que é “un insulto que o goberno galego ano tras ano veña ao Parlamento a falar de infraestruturas que non se fan como o centro de saúde de Bouzas”.

Outra das partidas destacadas pola deputada de En Marea, foi a dedicada ao 061, cun incremento nimio polo que o Goberno deixan en evidencia que vai manter a situación actual cun 061 en folga, sen referencia a que vai pasar cos concertos do 061, o traslado. “Todo vai seguir igual e polo tanto tamén os conflitos” lamentou Eva Solla.

No relativo a partida destinada a concertos coa sanidade privada, o conselleiro sacou peito da redución de 200.000 euros nesta partida pero obviou falar de que se trata dunha partida de 200 millóns polo que se pode dicir que se mantén o gasto para a empresa privada.

“Nada di sobre o conflito de POVISA xa que non fixo referencia na súa comparecencia pero tampouco nada aparece nas partidas do orzamento para o vindeiro ano.

Eva Solla rematou a súa intervención falando da saúde mental e criticando que o conselleiro “permitase a licencia de volver a dicir de forma vergoñenata que están a traballar nun plan de saúde mental que levan anos anunciando”. “Os anuncios que fan son os mesmos practicamente que no ano anterior. Non hai partidas para mellorar saúde mental nin aumentar persoal” concluíu a deputada de En Marea.

Os orzamentos deixan en evidencia que non é a lexislatura do rural

O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, foi o encargado de analizar os orzamentos presentados pola Consellería de Medio Rural para o vindeiro ano, unhas contas que asegurou deixan en evidencia que esta non é a lexislatura do rural para o Goberno galego pese a insistencia en repetir esta afirmación. “Esta comparecencia e estes orzamentos son case unha repetición idéntica dos do ano pasado, e esta é unha situación moi preocupante, porque tendo en conta que está demostrado que non están funcionando as políticas que están pondo en marcha, entendemos que apostar por uns orzamentos continuístas non é ningunha boa nova” denunciou Davide Rodríguez.

A realidade para En Marea é que o goberno de Núñez Feijóo leva moitos anos poñendo en marcha políticas que o favorecen é o abandono do rural, a degradación das condicións materiais das persoas que viven no rural, e non se está conseguindo ese obxectivo que din perseguir, que é un rural máis competitivo e un rural máis vivo. “Estes orzamentos non van a servir para conseguir estes supostos obxectivos” asegurou.

Algunhas das partidas ás que se referiu Davide Rodríguez na súa intervención foi a relativa aos programas de ordenación das produción forestais no ano que se está debatendo o que será o novo Plan Forestal de Galiza, partida que cae en 12 millóns (15,7%), así como noutras partidas de especial interese como pode ser a de Fomento do asociacionismo agrario e divulgación da tecnoloxía agraria.

O capítulo de transferencia de capital no que afecta á subdirección de prevención de incendios, aparece como novidade o convenio Concello-Seaga, cun total de 7.500.000 euros, todos procedentes de fondos propios. No que se refire á Subdirección de Recursos forestais, o dato máis significativo é a desaparición, de máis de 5 millóns que se desvían á Axencia Forestal Galega, como xestora de ditos fondos.

O deputado de En Marea referiuse tamén a merma nas axudas de forestación, ao castiñeiro, e a selvicultura de coníferas pese a ser unha das axudas máis demandadas no territorio galego.

“Durante o Debate do Estado da Nación, o presidente da Xunta manifestou que que a extinción e prevención dos incendios sexa pública recórdame aos soviets da Unión Soviética, deixando claro que a idea de continuar sometendo aos servizos de emerxencias a unha progresiva perda de dereitos laborais a través de externalizacións” lamentou Davide Rodríguez.

“Os orzamentos que hoxe vostede propón aquí, van a dar como resultado que Galiza fique cada vez mais vulnerábel e dependente, impedida de dispor dunha política agro-rural propia, feita en función das súas necesidades.  Para vostedes, as habitantes e os habitantes do rural somos cidadáns de segunda e a súa política premeditada está a afogarnos” concluíu o deputado de En Marea.