En Marea critica o machismo e a falta de coherencia do PP, contrario en Galicia á equiparación de permisos de maternidade e paternidade que si respalda en Madrid

A formación preguntará no Parlamento a que se debe a reticencia dos populares a posibilitar políticas públicas feministas en Galicia.
Publicado por o día 28/06/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea critica o machismo e a falta de coherencia do PP, contrario en Galicia á equiparación de permisos de maternidade e paternidade que si respalda en Madrid

En Marea preguntará no Parlamento a que se debe o dobre raseiro do Partido Popular, que posibilita no Congreso dos Deputados a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade á que, incomprensiblemente, se opón no Parlamento de Galicia. A deputada Paula Quinteiro celebra a boa nova que supón a resolución tomada a nivel estatal, ao tempo que lamenta o veto imposto polos conservadores galegos á posibilidade de que as políticas públicas para o fomento da igualdade se convirtan en realidade na Comunidade galega.

“Temos que celebrar que se aprobara no Congreso unha proposición de lei para a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade para que sexan iguais, instransferibles e remunerados ao 100%. Pero temos que lamentar que o Partido Popular votara recentemente en contra desa mesma medida no Parlamento galego”. Son palabras da deputada de En Marea, sorprendida polo cambio de criterio da formación conservadora a este respecto. “Non entendemos que aquí, no marco das nosas competencias, voten en contra dunha medida moi similar”, indica Paula Quinteiro, que cualifica o proceder do PP de “incoherencia”.

Así as cousas, En Marea entende que o Partido Popular en Galicia “voltou demostrar a súa falta de vontade de aplicar políticas públicas feministas”, así como o feito de que “é un partido machista”. “Alegrámonos de que, polo menos no Congreso, se dera este paso adiante. Pero preguntaremos a que se debe esta incoherencia”, destaca Quinteiro.