En Marea cualifica o documento remitido polo PSOE como “unha chantaxe de última hora” para intentar mercar os seus seis votos

Publicado por o día 29/02/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea cualifica o documento remitido polo PSOE como “unha chantaxe de última hora” para intentar mercar os seus seis votos
  • “Gustaríanos que trala proposta do PSOE houbese unha vontade real e non entendemos que veñan a última hora con estas medidas coma unha chantaxe para mercar os nosos votos”, sinalou a portavoz de En Marea Alexandra Fernández.

 Un recital de boas intencións e palabras ocas que non amosan un compromiso firme e global cos problemas específicos de Galicia. Así valoran as deputadas e deputados de En Marea o documento de 17 páxinas que esta mañá lles remitiu o PSOE como un “ofrecemento ás forzas progresistas e de esquerdas”.

Para En Marea, os sectores estratéxicos de Galicia requiren ser tomados en serio, con medidas concretas e mecanismos que garantan que calquera goberno de cambio as porá en marcha, non declaracións de intencións vagas e abstractas, moitas delas incompatibles co acordo económico que acaban de pactar con Ciudadanos. “O documento que recibimos hoxe non nos parece serio porque é cun corta e pega doutros documentos no que se agochan certas cuestións que lle son molestas. Tampouco di nada acerca de propostas de En Marea como a apertura dunha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia e as medidas que plantexa sobre Galicia son xeneralidades que non se concretan en nada”, sinalou Alexandra Fernández antes de entrar á Xunta de Portavoces no Congreso dos Deputados.

As deputadas e deputados de En Marea celebran que o PSOE manifeste, agora, certa preocupación por temas que levan semanas sobre a mesa e agardan que a vontade de solucionar problemas tan graves coma os que afectan ao cerco, ao naval, ao sector lácteo ou a ENCE vaia máis alá dunha chantaxe de última hora para facerse con seis votos máis. “No caso de ENCE, en vez de anunciar a cancelación da prórroga, fala dunha posible reivisión. Temos claro que os seis deputados de En Marea non estamos aquí para que se compren os nosos votos nas rebaixas. Non sabemos en que se concreta económicamente nada do que nos propón e resúltanos incompatible pactar un acordo con Ciudadanos en materia económica mentres se obvia a reforma fiscal que propoñemos”, denunciou a portavoz de En Marea.

“A xente non está para máis teatro. O papel aguanta de todo, a xente non. O PSOE segue tendo que decidir se quere unha gran coalición con Ciudadanos ou se realmente quere unha coalición de cambio. E nós seguiremos mantendo que En Marea segue aberta a negociar atendendo a tres aspectos: os cambios que necesita o conxunto do grupo confederal, coordinados cos compañeiros do grupo confederal, as cuestións concretas para Galicia e con garantía dun goberno plural. E seguimos ofrecéndolle diálogo ao PSOE, pero que sexan serios, que non nos manden propostas mal feitas a última hora para facer chantaxe cos nosos votos e cos electores que votaron esta candidatura”, concluiu Alexandra Fernandez.

PRENSA EN MAREA