En Marea defende en Marín a demanda dun novo convenio colectivo das traballadoras de empresas de produtos elaborados do mar

Publicado por o día 08/11/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea defende en Marín a demanda dun novo convenio colectivo das traballadoras de empresas de produtos elaborados do mar

As deputadas de En Marea, Ángela Rodríguez e Yolanda Díaz,  e o concelleiro de Marea Marín, Aaron Franco Outón, mantiveron este xoves unha xuntanza coas traballadoras de empresas de produtos elaborados do mar, apoiando a súa demanda dun novo convenio colectivo.

“Na historia das loitas obreiras en Galicia este caso é exemplar, é unha mobilización liderada por un sector feminizado como son as conservas. Estamos con elas. Presentamos iniciativas no Congreso para defender os seus dereitos laborais, as compañeiras están reivindicando un convenio para recibir unha compensación anual de 14.000 euros, é o SMI”, explicou Díaz.

As deputadas de En Marea calificaron de “vergoña” que unha empresa que gaña tantos beneficios “non sexa capaz de garantir o SMI”. “Na negociación orzamentaria vaise defender os SMI en 900€, preto do que elas piden”, insistiron.

Díaz lembrou que En Marea estivo apoiando durante a folga e os demais dias, lembrando incluso “a desproporcionada carga policial durante a folga”.

A auxiliar de fábrica e delegada por CCOO, Carmela Villaverde, lembrou que son postos consolidados de xente que leva traballando anos e non se lles ofrece un contrato na empresa. “Pedímoslle á patronal que se poña no lugar das traballadoras”, explicou.

Pola súa banda, Elena Ferradás, Delegada de CABOMAR, destacou a petición para a xente que traballa en horario nocturno, que se lle pague a retribución axeitada.

“Estamos loitando por un salario digno de 14.000 euros, estamos loitando por dignidade laboral, estamos traballando en condición penosas: frío, baixo presión, ritmos de traballo brutais. Con este salario é moi duro chegar a fin de mes. Moitas compañeiras teñen que buscar outros traballos, non hai conciliación nin vida privada”, explicou.

O concelleiro de Marín, Aaron Franco Outón, manifestou o seu apoio ás traballadoras e lembrou que se tratará esta cuestión a vindeira semana no pleno do concello.

“Estaremos ao carón das traballadoras. Presentaremos unha moción de urxencia para que o pleno, e particularmente a alcaldesa, se posicione a favor das traballadoras da industria conserveira de Marín”, explicou o concelleiro.