En Marea defende unha regulación do sector electrointensivo que distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade

Luís Villares, Pancho Casal e Javier Arca presentaron as alegacións de En Marea ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos
Publicado por o día 25/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea defende unha regulación do sector electrointensivo que distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade

En Marea presentou este luns as súas alegacións ao Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, nas que defende unha regulación do sector que distribúa as cargas e os beneficios entre toda a sociedade, “e non so beneficios para as grandes empresas eléctricas e as cargas para os demais”, como sinalou Luís Villares. O voceiro de En Marea reclamou tamén unha estabilización de prezos “que dea certeza ás nosas industrias, como Alcoa”, un abaratamento dos custes de produción para a industria e do prezo da luz e acabar coas portas xiratorias. “Sabemos que unha parte importante do problema é pola presión que exercen os lobbies sobre os partidos como consecuencia de ter sentados nos seus consellos de administracións aos que foron presidentes, ministros ou altos cargos do Goberno”, denunciou.

“Existe unha grande estafa das grandes eléctricas a todas e todos nós e esa é a razón pola que están en perigo Alcoa, moitas empresas electrointensivas e outras do sector industrial do noso país. Tamén é o motivo polo que moitas familias se senten afogadas a final de mes como consecuencia da factura da luz” remarcou Villares. Ademais, lembrou que “isto dáse xa desde os anos noventa coa regulación do sector eléctrico, que produciu un beneficio evidente para as empresas que xestionaban o sector en réxime de oligopolio, en prexuízo das industrias e dos consumidores. É necesario atacar as causas para facer viable Alcoa, as electrointensivas e o noso tecido industrial, ademais de evitar a estafa que sufrimos no recibo da luz”.

Luís Villares quixo reivindicar o papel de En Marea fronte ao PP, que “creou un marco regulatorio claramente favorable ás grandes eléctricas en detrimento dos consumidores e a industria”, e fronte ao PSOE, que “non creou un novo estatuto regulatorio, ademais de reducir os orzamentos para as electrointensivas”.

Pola súa banda, o deputado Pancho Casal, debullou polo miúdo a vertente máis técnica das propostas que presenta En Marea, tanto as que se deben de aplicar de xeito inmediato coma outras a medio prazo. Entre elas destacou a necesidade dunha nova regulación que faga baixar o prezo maiorista da electricidade. “En Noruega, por exemplo, non lle teñen que dar axudas á electrointensivas porque pagan a metade ou menos que en España”, apuntou. Tamén criticou a postura mantida por Feijóo, que “di que o problema da falta de viabilidade das empresas electrointensivas é que o prezo é moi alto. Ten toda a razón pero fala disto como se fora un fenómeno meteorolóxico antes o que non se pode facer nada. A súa alternativa nas alegacións ao estatuto é que o paguen os fogares, o resto de empresas e autónomos”.

Casal tamén quixo salientar unha proposta que ninguén fixo e En Marea lanza como primicia: desenvolver unha gran convocatoria especial de licenzas de instalación ou repotenciación de parques de enerxía renovable condicionadas á contratación bilateral estable a longo prazo con industrias electrointensivas, grupos pechados de distribución e comercializadoras do mercado doméstico a prezo taxado no entorno dos 32 €/Mwh, un prezo totalmente rendible para as produtoras coas novas tecnoloxías dispoñibles.

Do mesmo xeito, considerou “moi importante que os xeradores e os comercializadores estean totalmente diferenciados. Non poder ser que quen venda e quen compra sexan as mesmas empresas. Así non pode haber competitividade e esa é a razón da volatilidade dos prezos da enerxía porque se poñen dacordo”.

Por último, Javier Arca, traballador de Alcoa de San Cibrao e número 2 de En Marea ao Congreso por Lugo falou da vertente máis social do problema, afirmando que “a fábrica de San Cibrao non pode sobrevivir na situación actual durante moito tempo. A venta da fábrica da Coruña, e en xeral a viabilidade das factorías, vai estar condicionada a que se chegue a un acordo para fixar un prezo para a electricidade”. Arca tamén se referiu ás posibles consecuencias dun peche das plantas de Alcoa: “En San Cibrao viven da fábrica máis de 2.000 familias. É imposible que na Mariña poida recolocarse a toda esa xente noutros sectores”. Ademais considerou que “a falta de inversións de Alcoa vén condicionada pola inestabilidade do mercado”.