En Marea demanda a construción dunha residencia de maiores na Estrada e a apertura inmediata do centro de día

Luís Villares, que tamén reclamou que se dupliquen as horas de axuda no fogar, considera que o caso da Estrada é paradigmático do que acontece coa falta de atención á dependencia en Galicia
Publicado por o día 08/02/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea demanda a construción dunha residencia de maiores na Estrada e a apertura inmediata do centro de día

O voceiro de En Marea Luís Villares, trasladouse esta mañá á Estrada, onde acompañado da voceira de Móvete, Mar Blanco, fixeron un repaso polas principais carencias que sofre o municipio na atención á dependencia. “Temos varios servizos que están pendentes de mellora e que dende o Concello non se dá traslado á Xunta para que incremente o gasto neles”, denunciou Mar Blanco,  que destacou a parálise con respecto ao Centro de día, “que o alcalde leva catro anos anunciando sen ser capaz de subsanar unha serie de deficiencias na súa construción para recibir a homologación de apertura por parte da Consellería de Política Social”, ademais de considerar que as 20 prazas que ofrecerá son “claramente insuficientes”.

Tanto o voceiro de En Marea como a portavoz de Móvete reivindicaron a construción da residencia da terceira idade na vila, aprobada por unanimidade no Parlamento galego. “A especialidade do PP son as promesas non cumpridas”, sinalou Luís Villares, “de tal maneira que malia que o Parlamento de Galicia aprobou a instancias de En Marea a construción dunha residencia para maiores na Estrada vemos que nin nos Orzamentos de 2018 nin nos de 2019 houbo un só euro para a súa construción”. Pola súa banda, Mar Blanco, demandou que este novo centro sexa “de xestión pública”.

Na Estrada hai nestes momentos unha lista de agarda de 154 persoas dependentes sen ningún tipo de servizo, e a axuda no fogar só cobre a 104 usuarios. “Dende En Marea trasladaremos iniciativas ao Parlamento para duplicar o servizo de axuda no fogar”, comprometeuse o voceiro de En Marea, que puxo A Estrada como exemplo da falta de compromiso da Xunta coas persoas maiores e, nomeadamente coas persoas con dependentes.  “Non é xusto que as nosas persoas maiores e dependentes estean padecendo a falta de servizos cando durante toa a súa vida traballaron para chegar a vellez nunhas condicións de vida digna para o conxunto da poboación”, denunciou.

Para Luís Villares esta desatención ás persoas maiores por parte da Xunta está xerando tamén “moitos problemas de conciliación, pois impide sobre todo ás mulleres facer unha vida normal” ao teren que asumir acotío os coidados que deixa de lado o goberno de Feijóo.