En Marea demanda no pleno seguir avanzando cos compromisos da ‘Axenda Galega do Cambio’

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, preguntou este mércores na sesión de control ao Goberno pola negociación coa ‘Axenda Galega do Cambio’.
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea demanda no pleno seguir avanzando cos compromisos da ‘Axenda Galega do Cambio’

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, preguntou este mércores na sesión de control ao Goberno pola negociación coa ‘Axenda Galega do Cambio’.

“Cumprirá o Goberno con Galicia?”, preguntou Gómez-Reino, insistindo en que “as cinco deputadas e deputados falámoslle como militantes de Galicia e estamos trasladando as demandas que o pobo galego esixe ao Estado”.

O voceiro de En Marea insistiu en que se trata das demandas da maioría social galega, “que foron apoiadas de xeito unánime pola sociedade civil e as forzas políticas de Galicia”.

“Gran parte das demandas da Axenda Galega do Cambio son aprobadas en Galicia cos votos tamén do PP e do PSOE, pero fan unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid. Pedímoslle coherencia e que cumpran os compromisos de Galicia. Ningún trato de favor: queremos xustiza!, insistiu o deputado.

Gómez-Reino explicou no pleno que cando En Marea fala de transferir a AP-9, fala de autogoberno e de xestión pública,non privada, das infraestruturas que conectan o noso eixe atlántico.

“Cando falamos tamén de sanear as rías galegas, queremos poñer en valor a nosa pesca e medio ambiente; cando decimos ‘Pazo de Meirás’, falamos de recuperar a dignidade democrática do noso pobo. Cando decimos financiación autonómica, queremos decir que os habitantes de Fisterra teñan os mesmos servizos que un habitante de Madrid”, explicou.

En Marea presentou ao Goberno a Axenda Galega “en positivo” con “toda a vontade de colaboración” pero trátase duns “mínimos” para cumprir con Galicia”.

“Non hai excusas. Estas cinco deputadas e 2.800.000 galegos e galegas esiximos avances e respostas. Galicia esixe cambio”, rematou o voceiro. 

Pola banda do Goberno, a ministra Meritxell Batet, contestou de xeito positivo ás demandas de En Marea e mostrouse comprometida ao diálogo despois de detallar varias propostas que constan no documento da axenda galega trasladada ao Executivo nunha xuntanza realizada hai dúas semanas.