En Marea demanda un plan de emerxencia social para prever a asistencia ás necesidades básicas nos domicilios das persoas mais vulnerables sen rede de apoio

Dende En Marea demandan unha serie de actuacións ante a carencia de protocolos e instrucións observada tralas medidas de orde sanitario e social anunciadas pola Xunta para previr a extensión do virus COVID-19.
Publicado por o día 15/03/2020 na sección de En Marea,Política

En Marea demanda un plan de emerxencia social para prever a asistencia ás necesidades básicas nos domicilios das persoas mais vulnerables sen rede de apoio

Recuperando o lema deste 8 de marzo, sen coidados non hai vida, dende En Marea enfatizan a necesidade de atender a quen coida e a quen precisa coidados, debéndose tomar medidas de acompañamento social e protección para evitar situacións de extrema gravidade.

O peche de centros de día (tanto de persoas maiores como con discapacidade), a suspensión de ingresos en centros residenciais para persoas maiores ou o peche de centros escolares foron decisións tomadas pola Xunta, ante as que non se aplicaron medidas de prevención e protección social de carácter urxente para paliar os efectos da cancelación destes servizos e non interromper, de xeito abrupto, a atención social de persoas vulnerables e a cobertura das súas necesidades básicas.

Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é de competencia municipal, pero Xunta e Deputacións teñen a obriga de asistir aos concellos, tanto a nivel técnico como material, polo que dende En Marea esixen que esa asistencia sexa coordinada e inmediata, evitando situacións como as que se están dando nas que as auxiliares non dispoñen das medidas de prevención para o contaxio e propagación do coronavirus. Para En Marea, deberían propoñerse servizos mínimos para minimizar riscos, suspendendo a axuda a domicilio de libre concurrencia (para persoas non dependentes), entregando o material de protección preciso ás auxiliares, equiparándoas ao persoal sanitario, e que estas entreguen nos domicilios folletos informativos oficiais con información básica (hixiene de mans, teléfonos de interese…).

peche de centros de día pode provocar situacións de risco que non se están a resolver, como pode ser o caso de persoas sen rede de apoio familiar cunha dependencia moderada que, ao non acudir ao centro de día, non teñen garantida a alimentación e o aseo básicos durante este tempo.

Ante a falta de protocolos específicos e instrucións por parte da Xunta, dende En Marea propoñen unha serie de directrices a aplicar, comezando pola creación dunha Mesa de Coordinación Sociosanitaria con todos os axentes implicados: Consellerías de Política Social e Sanidade, representación do persoal do SERGAS, de servizos sociais comunitarios e específicos, etc. para elaborar un plan de actuación de emerxencia social e dar cobertura ás persoas con especiais dificultades para paliar as dificultades do aillamento e o peche de centros e servizos.

Tamén demandan dende En Marea o establecemento dun servizo de reparto de alimentos a domicilio, con especial atención ás persoas mais vulnerables que residen no medio rural, con maiores dificultades de mobilidade e desprazamento, e habilitar un teléfono específico de atención social para atender, coordinar e derivar as demandas de tipo social e urxente que se poidan presentar derivadas da situación de illamento.