En Marea denuncia a carga policial contra traballadoras de elaborados do mar e insta á Xunta e ao goberno central a mediar para garantir os dereitos laborais do sector

A deputada Paula Quinteiro considera inaceptable que a violencia sexa a resposta ás xustas reclamacións das mulleres que esta mañá se manifestaron en Marín
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia a carga policial contra traballadoras de elaborados do mar e insta á Xunta e ao goberno central a mediar para garantir os dereitos laborais do sector

En Marea denuncia a inadmisible carga policial perpetrada este mércores contra as traballadoras de produtos elaborados do mar que, de xeito pacífico, se manifestaron no porto de Marín reclamando melloras para a súa precaria situación laboral. A deputada Paula Quinteiro desprazouse ata o lugar para respaldar as xustas demandas dun sector fundamentalmente feminizado; cuxa precaria situación a formación volverá levar a viniera semana ao Parlamento de Galicia. O asunto tamén foi abordado esta mañá no Congreso dos Deputados, onde as deputadas Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez formularon varias preguntas ao goberno relativas a esta cuestión.

En Marea quere manifestar a súa repulsa e denunciar a inadmisible carga policial perpetrada contra mulleres que se manifestan polos seus dereitos laborais. A formación insta á Xunta e ao goberno central a actuar con responsabilidade e actuar como mediador para que as xustas reclamacións destas traballadoras poidan ser atendidas.

“Non pode ser que un sector tan importante e estratéxico teña unha condicións laborais tan precarizadas. Algunhas non cobran nin 800 euros mes, e as empresas de traballo temporal son unha realidade maioritaria contra a que hai que loitar. Isto ten que rematar”, indica Paula Quinteiro.
Preguntas no Congreso

As deputadas de En Marea, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez, fixeron varias preguntas ao Executivo relativas á carga policial “desmesurada” perpetrada na madrugada deste mércores. “Cales foron os motivos que provocaron a carga policial desmesurada contra o colectivo de mulleres traballadoras de empresas de produtos elaborados do mar no Porto de Marín-Pontevedra? Quen ordenou a carga policial?”, preguntan as deputadas.

En Marea quere saber se o Goberno “é coñecedor” de que as persoas que se estaban manifestando pacíficamente, coas mans no alto, “non supuñan ningunha ameaza nin risco para ninguén”.

Despois da carga, varias mulleres foron trasladadas ao hospital con lesións de diferente consideración, “quen se responsabilizará destes feitos?”, pregunta En Marea, que considera que esta actitude represiva “non vai conseguir acalar as protestas das persoas traballadoras do sector do mar, que demandan nas rúas os seus dereitos laborais”.

Ademais, En Marea pregunta tamén ao Goberno se ten previsto intermediar ou tomar parte proactiva nas negociacións entre patroal e sindicatos, tendo en conta que estas están “enquistadas” e que afectan a ao redor de 1.200 persoas traballadoras en todo o Estado, das que 1.000 pertencen a empresas galegas.