En Marea denuncia a falla de compromiso de Núñez Feijóo cos lucenses e acusa ao Goberno galego de estar a castigar á cidadanía naqueles concellos nos que non gobernan os seus

O voceiro de En Marea, Luís Villares, a deputada Paula Vázquez Verao e a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, denunciaron a falla de palabra do presidente da Xunta coa cidadanía lucense e esixiron unha explicación por parte do Goberno galego pola anulación ou retraso dos distintos proxectos comprometidos
Publicado por o día 17/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia a falla de compromiso de Núñez Feijóo cos lucenses e acusa ao Goberno galego de estar a castigar á cidadanía naqueles concellos nos que non gobernan os seus

O voceiro de En Marea, Luís Villares, preguntou en rolda de prensa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, .“que lle fixeron os lucences para que os trate así, como cidadáns de segunda” tal e como queda demostra a situación do barrio da Residencia, a falla do servizo de hemodinámica 24 horas ou o retraso na inauguración do Auditorio, son algúns dos exemplos aos que se referiu o voceiro. “Alá onde non goberna e pensa que non vai gobernar dedícase a impor políticas sectarias para impedir que a cidadanía progrese” afirmou Vilares.

A situación do barrio da Residencia é de especial gravidade como sinalou o voceiro de En Marea pero trátase dunha constante no conxunto da cidade onde por exemplo salientou a cuestión da unificación das oficinas de emprego da cidade. Pero tamén a xente maior do país que para o único que lles importan é para pedir o voto pero non para ofertar servizos para a terceira idade. O mesmo acontece co investimento en I+D+I en Rozas tamén era un acto de propaganda xa que vai impedir o desenvolvemento do centro de investigación de drons no centro da cidade.

O voceiro de En Marea preguntouse que se pode esperar dun presidente da Xunta e dun PP que se comprometera xa coa cidade de Lugo pero non cumpre e reclamou unha explicación para a cidadanía lucense. Para isto, o grupo parlamentario presentou diversas iniciativas parlamentarias precisamente para que dean explicacións, sobre que asinaron, porque se anulou e porque xusto foi o mesmo día da moción de censura no goberno do Estado.

“Non é algo exclusivo de Lugo senón que forma parte do sectarismo do PP que aplica en todos os concellos galegos para buscar o propio interese e beneficios para o partido e no caso de que non sexa así non ten reparos en prexudicar á cidadanía. E onde goberna o que ofrece é caos como na cidade de Ourense, a única das catro cidades galegas que non ten uns orzamentos aprobados” incidiu.

A deputada Paula Vázquez Verao centrouse na anulación dun proxecto de construción dunha residencia de maiores na cidade de Lugo, que supón unha falla absoluta de palabra por parte do presidente da Xunta de Galicia quen no propio discurso de investidura comprometeuse en dotar as sete grandes cidades do país dunha residencia. En Febreiro de 2017 anunciou o plan ´Coma na casa` cun proxecto de 47 millóns de euros e a setembro de 2018 a penas contemplase no orzamento 700.000 euros. Prometeran 120 prazas para Lugo pero na actualidade contando tamén coas privadas e concertadas Lugo conta cun total de 795 prazas, unha cantidade totalmente insuficiente xa que supón a penas o 3,7 por cento tendo en conta o número de persoas maiores de 65 anos do concello, fronte as 1.130 prazas ás que se tería que chegar para estar dentro das cifras recomendadas pola Organización Mundial de la Salud.

Pola súa parte, a portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez, aproveitou a comparecencia para esixir explicacións ao goberno local sobre os termos do convenio que está a piques de asinar co administración autonómica para construír o Centro Integral de Saúde.

“Despois do que aconteceu co novo Auditorio, moito nos tememos que o despropósito se repita e que a señora Lara Méndez non poña ningún reparo en rematar de hipotecar todo o futuro da cidade con tal de poder inaugurar infraestruturas en ano electoral”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A voceira do Grupo Municipal reclámalle ao executivo que traslade con detalle cales son as obrigas que Lugo terá que asumir coa firma dese protocolo, “se inclúe unha nova rebaixa de impostos para a Xunta e sobre todo, por cánto tempo, tendo en conta que a pretensión do goberno galego era que a exención fose indefinida” .

“Sabemos que velar polos intereses económicos do municipio non é o forte desta alcaldesa como tampouco o é o cumprimento dos prazos aos que se compromete. E coñecendo os antecedentes e a velocidade coa que se tramitan as licenzas neste Concello e que, no mellor dos casos, alcanzan os dous anos para autorizar a colocación dun simple ascensor, queremos saber ata cando pensan, entre uns e outros, dilatar a tan necesaria revitalización do barrio da Residencia”, cuestiona Cristina Pérez Herráiz.