En Marea denuncia a falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia e ínstao a defender a conexión Vigo-Porto

Considera intolerable que o Executivo non defenderse ante o Consello de Transportes da Unión Europea a inclusión desa liña ferroviaria no Corredor Atlántico de Mercadorías
Publicado por o día 03/12/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia a falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia e ínstao a defender a conexión Vigo-Porto

En Marea denuncia a inaceptable falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia, e ínstao a ter en conta as necesidades da Comunidade e a traballar para favorecer o seu desenvolvemento económico. A formación acolle con estupor a nova que chega dende o Consello de Transportes da Unión Europea, ante o que, contra toda lóxica e incorrendo nun inaceptable agravio comparativo, o Executivo estatal non defendese a inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Hai escasos días a Comisión de Transportes do Parlamento Europeo aprobaba a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico. Dábase, con esa primeira probation, un primeiro paso fundamental de cara á materialización dunha demanda que En Marea leva tempo defendendo; logo do que unicamente quedaba agardar a aprobación definitiva do trazado por parte de Europa, asumindo o Consello da UE dita proposta.

En Marea considera intolerable que, en lugar de apostar de xeito decidido pola defensa dos intereses galegos, o Goberno obvie por completo á Comunidade, deixándoa á marxe da súa defensa ante o Consello de Transportes da Unión Europea. E é que, se ben o Executivo central si defenderá nese foro a ampliacion do Corredor Mediterráneo, non fará o mesmo coa conexión Vigo-Porto, nunha inaceptable mostra de ninguneo, máis grave se cabe logo da boa disposición amosada ao respecto pola Comisión de Transportes do Parlamento Europeo.

Hoxe mesmo tratarase nunha xuntanza do Consello de Transportes da Unión Europea o documento-proposta sobre a Rede Transeuropea de Transportes que definirá, entre outras, a columna vertebral de dita rede a través da aprobación dos corredores principais que conforman a Rede Básica dentro do mecanismo Conectar Europa, asi como do seu financiamento. Un foro ante o que o Goberno de España deixará de lado as necesidades de Galicia, obviando a ampliación do Corredor Atlántico que precisa Galicia e centrando a súa defensa unicamente no Corredor Mediterráneo

Así as cousas, En Marea esixe explicacións ao Goberno español sobre a non inclusión da conexión galega na proposta que o executivo estatal levará ante o Consello de Transportes da Unión Europea da Rede Transeuropea de Transporte. E anuncia a presentación de iniciativas, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, para demandar o apoio á inclusión da liña Vigo-Porto na Rede Básica.

Tal e como destaca o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico suporía un impulso de vital importancia para o desenvolvemento económico de Galicia. Así as cousas, En Marea insta ao goberno da Xunta a non permanecer de brazos cruzados e a actuar, realizando unha defensa desa conexión á altura das necesidades. Algo que ata o momento o executivo de Núñez Feijóo non ten feito.

“A potenciación do Eixo Atlántico é tan estratéxica como a do Corredor Mediterráneo, e é intolerable que isto se produza”, indica Sánchez, que lamenta a inactividade do Goberno central, así como a connivencia do galego. “Dende En Marea demandamos explicacións aos gobernos galego e español sobre o acontecido”, indica o voceiro, que entende imprescindible que ambos executivos clarifiquen os seus posicionamentos ao respecto.

“A falla de estratexia política do goberno galego a respecto dun tema tan fundamental para o futuro de Galiza é clamorosa, e agardamos, por outra banda, que a insensibilidade do goberno español con respecto ás demandas galegas se abandone”.

PROPOSTA AO CONSELLO EUROPEO NOVEMBRO 2018
PROPOSTA CORREDOR MEDITERRÁNEO COMISIÓN EUROPEA XUÑO DE 2018
PROPOSTA COMISIÓN EUROPEA XUÑO DE 2018
PROPOSTA AO CONSELLO EUROPEO CORREDOR ATLÁNTICO NOVEMBRO DE 2018