En Marea denuncia a falta de previsión da Consellería de Sanidade ante sucesos como o do Marisquiño

A formación pide que se poña en marcha o Plan de Catástrofes do Hospital Álvaro Cunqueiro
Publicado por o día 21/08/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Sanidad,Vigo

En Marea denuncia a falta de previsión da Consellería de Sanidade ante sucesos como o do Marisquiño

A situación orixinada polo afundimento da beira do litoral no Festival O Marisquiño demostra unha vez máis a incompetencia absoluta da Consellería de Sanidade para reaccionar fronte a situacións como a acontecida en Vigo na madrugada do domingo 11 de agosto. Nas seguintes 24 horas do sinistro, foron atendidas 189 persoas a consecuencia das lesións sufridas polo colapso da estrutura do peirao. Pero esta situación non mereceu a atención especial de Sanidade nin do SERGAS, unicamente se reforzou o servizo de urxencias do Hospital Alvaro Cunqueiro cun celador na quenda de tarde e un equipo médico (médico+enfermeiro+auxiliar) durante a quenda de noite. Luís Villares, voceiro de En Marea, recalcou que hai que denunciar “a falta de previsión por parte da xerencia do SERGAS e por parte de Sanidade á hora de xestionar a atención despois do accidente”.

O reforzo establecido pola xerencia “foi ridículo se temos en conta que durante os días seguintes foron atendidas máis de 400 persoas en urxencias por lesións referidas ao sucedido no festival”. É inaceptable e inxustificable que a Consellería de Sanidade non puxese en marcha, ante a magnitude do accidente, un reforzo maior. Esta imprevisión ocasionou que o día 6 de agosto fose o de maior incidencia no servizo de urxencias dos últimos tres anos. A isto debe engadirse a supresión estival do médico encargado das camas de observación, que durante o resto do ano é de 24 horas. O resultado final é unha saturación completa dos servizos de urxencias malia que nas horas e días seguintes ao accidente era previsible un aumento considerable do número de ingresos neste servizo.

Villares pregunta tamén onde estaba “o conselleiro e onde estaba o responsable da xerencia da área para prestar un servizo eficaz á cidadanía, se a cousa finalmente saíu ben foi grazas, unha vez máis, ás nosas e os nosos profesionais”.  Para o voceiro de En Marea “é claramente insuficiente o voluntarismo cando o que é necesario é unha previsión e unha resposta expresa a accidentes como o sucedido”.

As insuficiencias de planificación de Sanidade no Hospital Álvaro Cunqueiro ten a súa manifestación máis clara na falta de aprobación do Plan de Catástrofes e Incidencias de Múltiples Vítimas que debería estar xa en vigor e permitiría unha máis áxil resposta en sinistros coma o acontecido.

Esta situación xa foi denunciada por En Marea con ocasión da explosión de Paramos, en Tui, e levada ao Parlamento de Galicia, para instar á Consellería de Sanidade á súa aprobación inmediata, proposta que foi rexeitada cos votos do Partido Popular o pasado mes de xullo. Para En Marea resulta bochornosa a falta de medios e a precariedade coa que traballan as e os profesionais do SERGAS ante situacións de emerxencia como a sucedida. Por esta razón En Marea pídelle ao Parlamento que compareza o Conselleiro de Sanidade para que explique a falta de reforzo do Servizo de urxencias do Hospital AC nas xornadas posteriores ao sinistro do Marisquiño.

No mesmo sentido En Marea requerirá de Sanidade a aprobación de xeito inmediato do Plan de Catástrofes e Incidencias de Múltiples Vítimas do Hospital Álvaro Cunqueiro.