En Marea denuncia a insuficiencia das contías que a Xunta destinará á reconstrucción das vivendas de Tui

A formación pide que se reformule o cómputo, pois as cantidades que se contemplan para os afectados pola explosión da pirotecnia son insuficientes
Publicado por o día 02/06/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Tui

En Marea denuncia a insuficiencia das contías que a Xunta destinará á reconstrucción das vivendas de Tui

O grupo parlamentario de En Marea trasladará ao vindeiro pleno a necesidade de mellorar o decreto de axudas para os afectados pola explosión da pirotecnia ilegal de Tui. Á vista das cativas e a todas luces insuficientes cantidades que o goberno galego pretende destinar á reconstrucción das vivendas destruídas, a formación manterá ademais unha nova xuntanza cos damnificados para coñecer de primeira man a súa situación e puntos de vista.

Segundo o que se desprende do texto do decreto que regula as axudas para a reconstrución dos inmobles destruídos, a aportación do goberno galego poderá chegar, no mellor dos casos, ata os 109.000 euros. Trátase de vivendas que, literalmente, desapareceron; deixando aos seus propietarios na rúa e sen a práctica totalidade das súas pertenzas. Así as cousas, En Marea entende que é necesario incrementar a dotación das achegas da administración, de xeito que permitan afrontar a recuperación do conxunto de elementos que compuñan as vivendas asoladas; tanto na súa estrutura como no seu contido.

A formación destaca o feito de que a traxedia que borrou do mapa Paramos tivo que ver, en boa medida, coa falta de control da administración sobre a adquisición ilegal e o acopio de explosivos. Así as cousas, o deseño dunha liña de axudas que permita aos afectados repoñer a práctica totalidade do perdido (incluíndo electrodomésticos, instalacións, menaxe, peches…) é, tal e como destaca En Marea, responsabilidade do executivo.

Por outra banda, o decreto recolle a posibilidade de que nas convocatorias e resolucións que o desenvolvan non se exclúan os requisitos establecidos na lei 9/2007 de Subvencións de Galicia. Suposto no cal podería darse o caso de que persoas que tivesen algunha débeda pendente coa administración, por pequena que esta fose, quedasen excluídas deste proceso e se visen privadas de recibir a correspondente axuda.

Dada a extrema gravidade da situación na que se atopan as familias de Paramos, En Marea reclama da Xunta responsabilidade e implicación total para solventar o desamparo no que teñen quedado as persoas afectadas; vítimas da mala praxe dun empresario a cuxa actividade ilegal a administración non foi quen de poñer couto a tempo. Nese sentido, a formación tamén reclama da Xunta concreción á hora de establecer as cantidades que os damnificados poderán recibir para facer fronte ao custo de aloxamentos provisionais.