En Marea denuncia a inxusta aposta da Xunta pola redución do gasto público e reclama máis investimentos para recuperar benestar social

O deputado Manuel Lago recrimina a irreal versión triunfalista do conselleiro de Economía e destaca a precariedade que domina o mercado laboral
Publicado por o día 25/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia a inxusta aposta da Xunta pola redución do gasto público e reclama máis investimentos para recuperar benestar social

En Marea denuncia o marcado sesgo ideolóxico do orzamento da Xunta de Galicia para 2019. Unhas contas que consolidan a aposta do Partido Popular polos recortes en eidos estratéxicos para o benestar social como a sanidade, o ensino, as políticas de emprego ou a protección social; e o seu abuso da débeda pública para financiar a súa “política fiscal para ricos”.

Mentres en Galicia medran as desigualdades e a precariedade e o risco de exclusión supoñen un problema crecemente que afecta cada vez a unha porcentaxe maior da cidadanía; a Xunta de Galicia presenta un orzamento para 2019 baseado nunha política fiscal cuxa “medida fundamental é rebaixar o Imposto de Patrimonio, isto é, a tributación das persoas que teñen un patrimonio superior a 700.000 euros, clase media para o PP”. Así o destacou Manuel Lago na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, onde o conselleiro de Economía do goberno galego compareceu este xoves para expoñer as contas do goberno galego para o vindeiro exercicio.

Para En Marea resulta absolutamente intolerable que o Partido Popular continúe apostando por unha senda que non fai senón afondar nas desigualdades e contribuír a que a riqueza se manteña nos petos dos que máis teñen. E é que a realidade das contas da Xunta resúmese en menos gasto público e menos recursos destinados a financiar a sanidade, o ensino, a protección social, política de emprego ou o investimento.

Tal e como destaca o deputado de En Marea, o orzamento da Xunta para 2019 resulta “moi insuficiente para recuperarnos dos recortes padecidos durante a fase aguda da austeridade. Unha situación moi preocupante, porque os recortes que veñen caracterizando a xestión do Partido Popular consolídanse nestes orzamentos, fanse permanentes, cronifícanse. Se despois de 6 anos de crecemento do PIB apenas avanzamos na recuperación dos recursos, cando o imos facer?”, inquiere Manuel Lago.

Mentres día a día se repiten as protestas de profesionais e cidadáns polos recortes e as súas consecuencias en eidos tan sensibles como a sanidade ou o ensino, a Xunta de Galicia presenta un orzamento cunha partida para sanidade 268 millóns de euros por debaixo da cifra previa á recesión. Do mesmo xeito, o gasto en educación previsto polo goberno galego para o próximo exercicio será 354 millóns de euros inferior ao de 2009.

“En políticas de emprego o recorte é moito peor: no 2019 a Xunta disporá de 212 millóns de euros menos” que en 2009. E, no capítulo de infraestruturas, os 16,6 millóns de euros que aumenta o orzamento para o ano que ven respecto ao de 2018 resultan absolutamente irrelevantes  se se ten en conta o retroceso de 315 millóns respecto dos datos previos á recesión.

A situación resulta especialmente intolerable se se ten en conta que eses recortes e a contención do gasto pola que volve apostar o PP nin sequera levan parella unha redución da débeda pública. Moi polo contrario, esta vai volver subir 238 millóns de euros. “Esta é a realidade: pedir novos préstamos para pagar os que vencen”.

“Desde que goberna o Partido Popular Galicia destina cinco veces máis recursos ao servizo da débeda. En 2018 debemos 7.000 millóns de euros mais que en 2008, isto é, dende que vostedes gobernan a débeda por persoa aumentou en 2.673 euros”, indica Manuel Lago.

O deputado de En Marea denuncia que o goberno Feijóo tente converter en eslogan da súa supota boa xestión a rebaixa de impostos, que ocupa o lugar central do seu discurso. “Fagamos o cadro completo da súa estratexia fiscal: caen os ingresos, aumenta a débeda, recórtase o gasto pero hai marxe para baixar os impostos. Canto da débeda pública se corresponde con estas rebaixas fiscais? Que recortes na sanidade e no ensino foron provocados por estes menores ingresos? Porque o que non se paga con impostos págase con recortes ou con débeda”, lamenta Lago que destaca que se trata dunha rebaixa fiscal que beneficiará aos que máis teñen en detrimento dos que menos.

En Marea denuncia o inaceptable e inxusto sesgo ideolóxico conservador que caracteriza os orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano. “Porque reducir impostos sempre beneficia aos máis ricos e recortar gasto público sempre prexudica aos máis débiles. Esa é a opción do Partido Popular: elixir fiscalidade e gasto público para a élite en detrimento da maioría social. O orzamento de 2019 é un claro exemplo desta política fiscal para ricos”, deuncia o deputado.

En Marea destaca ademais o importante sobrecuste que a xestión económica do Partido Popular ten suposto nos últimos anos para os petos de galegas e galegos.  O motivo: en lugar de acudir a mecanismos públicos de financiamento, ata 2016 o goberno Feijóo preferiu optar polos bancos. “Voulle facer a conta: dende 2014 pagamos un sobrecuste financeiro de 549 millóns de euros pola soberbia do presidente Feijóo cando se gababa de que Galicia non necesitaba acudir aos fondos estatais. Estes 549 millóns de euros son a campaña de marketing político máis cara e máis ridícula da historia”, denuncia Lago.

A formación denuncia a falsidade do discurso triunfalista do goberno Feijóo. E é que a realidade é que o crecemento macroeconómico en Galicia entre 2010 e 2017 situouse moi por detrás da media estatal. “Cos datos do INE, o PIB medrou a unha taxa media do 0,7% en Galicia fronte ao 0,8% de media no Estado. Non medramos mais, medramos menos”, denuncia Manuel Lago. Que lembra que “Galicia é a Comunidade Autónoma con peor evolución do mercado de traballo dende 2009. Unha preocupante  anomalía laboral, porque en Galicia a poboación activa caeu en 70.000 persoas, perdemos 76.000 empregos mentres que no resto no resto do Estado gañaron 266.000 e o paro aumentou en Galicia en 8.000 persoas mentres que baixou no Estado en 658.000 persoas dende 2009 ata 2018”.

O deputado destaca a falsidade da suposta converxencia de Galicia co estado; e a perversidade  que supón que o PP abandeire un incremento do PIB per capita que para nada ten que ver cun incremento do poder adquisitivo, senón coa perda de poboación que padece Galicia. “A regresión demográfica reduce o denominador da ratio e por iso, como hai menos habitantes, o PIB per capita sube de forma artificial. Cantos máis habitantes perdamos máis converxeremos, pero facémolo pola vía equivocada”, denuncia Manuel Lago, que tamén pon o foco sobre o déficit de empresas exportadoras que padece Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.