En Marea denuncia a mordaza e a falla de democracia continuada do PP que emprega a súa maioría para impedir que Feijóo explique as súas mentiras

O grupo parlamentario do PP votou en contra da petición de comparecencia de Feijóo para que dera conta as dúas mentiras respecto á auditoría das caixas ou a súa última viaxe a México
Publicado por o día 15/05/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia a mordaza e a falla de democracia continuada do PP que emprega a súa maioría para impedir que Feijóo explique as súas mentiras

O voceiro de En Marea, Luís Villares, arrancou a comparecencia tras a xunta de voceiros do Parlamento de Galicia denunciando a continuada mordaza, falla de democracia e ocultamento de información por parte do Partido Popular que emprega a súa maioría parlamentaria para impedir que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dea explicacións polas súas mentiras respecto á fusión das caixas ou a última viaxe a México.

Na comparecencia Villares anunciou os temas que o grupo de En Marea levará ao vindeiro pleno que estarán centrados nas cuestións relacionadas coa cultura e lingua do noso país aproveitando a semana das Letras galegas. Así, o centro galego en Bos Aires, ou a promoción da lingua galega no ensino infantil ou a protección do patrimonio cultural do Camiño de Santiago coa denuncia de proxectos como o da mina de Touro serán algunhas das propostas de En Marea.

Na mesma liña de denuncia do silenciamento e amordazamento imposto polo PP, En Marea preguntará polas modificacións na programación da Radio Galega co peche do Diario Cultural que como asegurou o voceiro evidencia a situación de “exterminio cultural que estamos a vivir”. “O diario decano de información cultural do noso país tamén molesta á Xunta de Galicia, por iso ve necesario pechalo, amordazalo” lamentou Villares.

Unha nova censura que se une aos dos informativos locais coa súa supresión. “O PP está desesperado por lograr que non se comunique información local porque vai contra os intereses do Partido Popular” afirmou o voceiro de En Marea que asegurou que “abonda xa de sectarismo na CRTVG, un medio de comunicación que é de todos e de todas”.

En clave dereitos fundamentais, En Marea preguntará pola sanidade e dereito fundamental á vivenda. Así pedirán explicacións pola situación de colapso das urxencias no SERGAS que como quedou demostrado non se trataba dun problema puntual provocado por un pico de gripe senón que se trata dun problema estrutural a causa dos recortes e o desvío de fondos para a sanidade privada.

No relativo ao dereito a unha vivenda digna, o voceiro de En Marea referiuse a actuación do Instituto Galego de Vivenda e Solo que “ten dubidosa honra de ser a primeira institución que desafiuza a unha familia dunha vivenda social”. Para Villares “esta circunstancia require un debate profundo sobre cal é a función desta Institución que debería encargarse de fornecer este dereito e o que fai, pola contra, e negar este dereito”.

Na sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o voceiro de En Marea pedirá explicacións da súa negativa continuada a informar de xeito veraz sobre a acción do seu goberno. “Estamos fartos das mentiras do presidente da Xunta” asegurou Villares que lembrou as declaracións de Feijóo sobre a suposta auditoría que avalaba a fusión das caixas e que a semana pasada tivo que recoñecer era mentira. “Prestámoslle a carteira a un mentireiro, perdeu 8.600 millóns de todos os galegos e galegas e entregoulle as caixas galegas aos seus amigos venezolanos” denunciou.

Luís Villares rematou a comparecencia sinalando a necesidade de que o Goberno galego dea explicacións pola situación actual de Abanca xa que 24.400 millóns de euros dos aforros das galegas e galegos están nunha situación de incerteza sen que ninguén ofreza información ao respecto.