En Marea denuncia a negativa de PP e PSOE a que as actuacións e responsabilidades relacionadas co Marisquiño sexan analizadas no Parlamento

Villares lamenta o acordo de socialistas e populares para botar balóns fóra en lugar de tomar boa nota do acontecido e impulsar medidas que garantan que algo así non volva acontecer no futuro
Publicado por o día 30/08/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea denuncia a negativa de PP e PSOE a que as actuacións e responsabilidades relacionadas co Marisquiño sexan analizadas no Parlamento

En Marea denuncia o lamentable papel que PP e PSOE están a desempeñar en relación ao accidente do Marisquiño. Ambas formacións optaron este xoves por obstaculizar a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar no Parlamento de Galicia o acontecido no festival vigués. Un acordo que critica o voceiro de En Marea que, máis aló da investigación xudicial, considera imprescindible unha análise política en profundidade que permita tomar boa nota do suceso e poñer en marcha iniciativas lexislativas que garantan a máxima seguridade no futuro.

“Máis aló das responabilidades penais ou civís que se establezan no procedemento xudicial, deben dilucidarse tamén responsabilidades políticas. E, o que é máis importante: mirar cara ao futuro, pensar como poden incrementarse as condicións de seguridade e lexislar en consecuencia”. Son palabras de Luís Villares, que lamenta que esta análise non vaia poder darse na Cámara galega debido á negativa de socialistas e populares.

“Non é admisible politicamente lanzar a pedra e agochar a man parapetándose detrás de terceiros. É o momento de que o presidente da Xunta dea a cara. E non abonda con que o fagan outros conselleiros, porque existen varios departamentos da Xunta de Galicia que tiveron intervención previa ao sinistro, e so hai unha persoa que actúa como director de orquestra neste concerto fallido: Alberto Núñez Feijóo”, explica o voceiro de En Marea.

Luís Villares entende que o presidente do goberno galego debera actuar con responsabilidade en lugar de agocharse e botar balóns fóra. Pois, tal e como apunta o voceiro de En Marea, tamén o presidente da Autoridade Portuaria é nomeado pola Xunta de Galicia, “polo que é responsabilidade política última do presidente” do executivo autonómico.

Luís Villares tamén destacou a insuficiente resposta da Consellería de Sanidade ao accidente, ao non incrementar os medios dispoñibles no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro para garantir unha atención óptima das persoas feridas. “A Consellería a través do SERGAS parece esquecer a diferencia entre os servizos de Emerxencias que atenden in situ e os servizos hospitalarios de Urxencias”, indica o voceiro de En Marea, moi crítico co desleixo do executivo autonómico a este respecto. “O presidente da Xunta debera explicar tamén como non houbo un reforzo dos servizos de urxencias adecuado á situación”, indica Villares.

O voceiro de En Marea tamén lembrou que en Galicia existen 122 portos de interese galego, moitos dos cales empregan con frecuencia os seus espazos para actividades abertas ao público. “Queremos que no futuro exista a certeza de como utilizar eses espazos en condicións de seguridade”, remarcou Villares, que lembrou que a posta en marcha dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia sería o lugar axeitado para elo.

“Temos unha Lei de Espectáculos Públicos, pero aínda que o PP di que funcionou perfectamente non foi así, porque aínda se manteñen as incógnitas sobre responsabilidades e en relación con distintas cuestións que é necesario debater”, indica Villares. Así as cousas, o voceiro de En Marea lamenta o veto imposto por populares e socialistas, que redundará nunha ausencia total da análise política sobre o acontecido e, en última instancia, freará a posta en marcha de iniciativas no eido lexislativo.