En Marea denuncia a privatización da universidade galega que está poñendo en marcha a Xunta de Feijóo

Luís Villares sinalou que o “réxime de Feijóo está culminando o camiño da privatización entregando a un banco o noso sistema universitario”
Publicado por o día 11/09/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia a privatización da universidade galega que está poñendo en marcha a Xunta de Feijóo

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegurou no Parlamento de Galicia, que o presidente da Xunta e o seu réxime está “incendiando a universidade pública ao culminar un camiño de privatización do sistema universitario galego. Villares explicou que a proposta da Xunta para permitir que a banca xestione universidades privadas é o paso definitivo nun proceso que comezou hai anos para desmantelar a universidade pública galega en favor da privada.

O voceiro de En Marea explicou como se foi xestando este proceso para favorecer esta privatización “Feijoo leva anos na estratexia de desviar estudantes cara o ensino privado e fóra das universidades públicas galegas impoñendo unha cláusula de estabilidade que impide que medren os alumnos no sistema universitario galego porque para crear prazas nunha titulación hai que reducilas noutras”. Villares explica que este proceso que se amparou na austeridade tiña obxectivo xenerar demandas sen satisfacer que “obrigaron ao alumnado galego a buscar esas prazas para estudar noutro lado, na universidade privada”.

Segundo explicou tamén o voceiro de En Marea, non é sorprendente que a Xunta “apoie decididamente que os bancos creen universidades privadas mentres afoga ás públicas”. Este propósito de favorecer a privatización da universidade resulta “máis escandaloso aínda” cando o anteproxecto de lei presentado “non contén nin memoria técnica nin económica, nin cales son as titulacións que se están propoñendo”, segundo comentou Villares.

Tamén criticou o voceiro de En Marea as formas que o presidente da Xunta utiliza para desprezar ao sistema universitario galego “hai tres días, no inicio do curso académico, Feijóo esqueceu dicir que este anteproxecto privatizador da universidade ía saír a información pública”. Esta actitude, segundo subliñou Villares “é a propia dun réxime autoritario.

Luís Villares desenvolveu a posición de En Marea ante unha situación que supón un plan desmantelador do sistema universatario galego, “estamos do lado do ensino público, da igualdade de oportunidades e da investigación”. O voceiro recalcou que En Marea non permitirá que “os bancos vampiricen o sistema universitario, nin que se desprece a democracia e a igualdade de oportunidades que supón un sistema público”.