En Marea denuncia a situación de Vigo nos Orzamentos cunha “falta de compromiso de infraestruturas evidente”

Publicado por o día 17/01/2019 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea denuncia a situación de Vigo nos Orzamentos cunha “falta de compromiso de infraestruturas evidente”

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, asegurou este mércores que os Orzamentos Xerais presentados polo Goberno “esquecen” Vigo e Galicia, cunha rebaixa do orzamento do 20% respecto do ano anterior.

“Estamos ante unha falta de compromiso de infraestutruas evidente”, denunciou a deputada, que apuntou a que hai que “converter e redeseñar os investimentos destinados ao AVE para crear un proxecto de futuro en Galicia que permita mellorar a conectividade ferroviaria interna, mellorar as estradas e a conexión entre os portos”.

Ante esta situación, Fernández insistiu en pedirlle ao Goberno que deixen a propaganda “a un lado” e deseñen “un modelo de futuro” que contemple “o desenvolvemento da conectividade interna en canto a infraestruturas, a conexión con Portugal ou unha aposta clara polos sectores produtivos do país”.

“Non hai apostas estratéxicas no modelo industrial, non vemos nada significativo en canto a mantemento de estradas nin sobre o Eixo Atlántico, ten que haber cambios nos Orzamentos para garantir o noso apoio”, explicou a parlamentar de En Marea, que lembrou que o secretario xeral de infraestruturas comprometeuse fai uns días con En Marea a que estes orzamentos serían “unha aposta polas inversión en mantemento de estradas”, mais non vemos nada significativo en canto ao mantemento nestas contas.

Para Vigo, a deputada denunciou que falta “a partida para a saída sur, que permitise desenvolver o prolongamento do Eixo Atlántico para Portugal”, polo que “para o modelo industrial da cidade non hai apostas estratéxicas”.

“Vemos partidas simbólicas, con pouca dotación, como a conexión Vigo-Ourense. Que se deixen deste tipo de políticas que teñen que ver coa propaganda e se poñan en serio a deseñar un plan para o futuro do país”, afirmou Fernández.

Comentar noticia

Your email address will not be published.