En Marea denuncia ante a Fiscalía a existencia dunha presunta trama corrupta no Concello de Valga

Entende que existe un entramado de favores que implica ao alcalde, ao secretario e ao interventor accidentais, que ten suposto beneficios tanto para eles como para terceiras persoas
Por o 01/04/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea denuncia ante a Fiscalía a existencia dunha presunta trama corrupta no Concello de Valga
Compartir en:

En Marea ven de presentar denuncia ante a Fiscalía provincial de Pontevedra por unha suposta trama de corrupción no Concello de Valga. A formación entende que algunhas das prácticas desenvolvidas por ese consistorio, e que implicarían tanto á Alcaldía como aos departamentos de Secretaría e Intervención, son contrarias á legalidade. Polo que reclama o inicio dunha investigación que, agarda, conclúa coa depuración das responsabilidades pertinentes.

A formación entende que a contratación, a iniciativa do propio alcalde, do secretario e do interventor foi realizada de xeito irregular. Tal e como explica Elena Cores, membro da Coordinadora de En Marea e concelleira de Gañemos Vilanova, eses postos foron cubertos partindo dunha previsión orzamentara anual moi inferior ao salario que, por categoría, lles correspondería. E fíxose así, segundo sospeita a formación, co presunto obxectivo disuadir aos funcionarios que puidesen estar interesados en optar a eles, de xeito que remataran sempre por estar vacantes. “Desta forma o alcalde, fronte esa vacancia, pode botar man de xente que lle resulte cómoda para o exercicio da súa actividade e que non poña reparos”.

O déficit salarial contemplado nesas ofertas tería sido compensado, segundo os datos que serven de base á denuncia presentada por En Marea, a través de dietas. Un procedimiento que, ao entender desta formación, “dá pé a unha presunta trama de corrupción dentro do Concello de Valga”.

En Marea denuncia ademais a presunta adxudicación indebida dun contrato de reforzo administrativo a unha socia do interventor e o posterior exercicio das funcións adxudicadas á mesma por unha terceira persoa. A formación entende que esa vinculación directa entre a empresa privada e o Concello deben ser investigadas pola Fiscalía. Así como o feito de que a persoa que está a prestar na práctica esas tarefas de reforzo administrativo sexa un xubilado, en lugar da persoa inicialmente designada para tal fin. “Unha persoa xubilada non pode estar traballando no Concello, por moi coñecida que sexa nin por moito interese que teña o alcalde en telo aí”, indica Elena Cores, que considera que deste xeito se está incumprindo tamén a Lei de Protección de Datos. “Así o ten recoñecido o propio alcalde, que xusficia a labor de apoio desa persoa”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.