En Marea denuncia o colapso das urxencias do Clínico durante as festas navideñas

A Asociación de Usuarios denunciou que pacientes en estado grave tiveron que ser atendidos no corredor ante a negativa da dirección a abrir novas salas do hospital
Publicado por o día 03/01/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea denuncia o colapso das urxencias do Clínico durante as festas navideñas

O Hospital Clínico de Santiago volveu padecer nestes primeiros días de xaneiro un colapso na atención no servizo de urxencias, con desbordamento asistencial que provocou un trato indigno aos pacientes e, unha vez, a deplorable e inxustificable imaxe de persoas enfermas ocupando os corredores do servizo en cadeiras e padiolas. En Marea denuncia, unha vez máis, esta situación derivada fundamentalmente da mala xestión da atención primaria e da negativa por parte do SERGAS a abrir salas do Clínico para atender ao número de pacientes que estes días acuden a el. En Marea esixe que a xerencia corresponde ao Clínico asuma a responsabilidade das decisións tomadas e que prexudican claramente aos enfermos. Tamén pide En Marea a dotación correcta de todos os servizos sanitarios.

A situación vivida este mesmo día 2, denunciada polos profesionais, responde a unha saturación dos servizos de urxencia e a negativa por parte da dirección hospitalaria e do SERGAS de habilitar outros espazos para atender os picos de atención. A saturación de urxencias débese tamén a que a atención primaria non está funcionando como debera e isto supón que moitos pacientes toman como opción acudir a urxencias.

A situación acontecida no Clínico volveu ser a da suma da imprevisión por parte do SERGAS tendo en conta as datas festivas nas que a mala dotación de persoal por parte da consellería e o período vacacional por parte dos profesionais que volve incidir sobre escasez de atención en Primaria e un aumento do número de pacientes en urxencias, porque son as urxencias o servizo que utilizan os pacientes cando non encontran atención nos outros servizos.

En Marea denuncia tamén a actitude de Sanidade negándose a prestar unha atención digna aos pacientes de urxencias. A negativa a abrir máis espazos de atención para canalizar o aumento de pacientes supón que os doentes que ingresan non teñen lugar ao que ir dentro do hospital e quedan durante horas nos corredores de urxencia. Isto provoca outra situación complicada cando chegan novos pacientes, especialmente con pataloxías agudas, e non hai espazo para atendelos nas propias urxencias. Neste sentido, hai que subliñar a incompetencia dos xestores do Clínico que non habilitan os espazos suficientes para a atención (contra os criterios profesionais)  nin axilizan os ingresos.

Este día 2 de xaneiro, os xestores negáronse a abrir zonas pechadas que poderían ter mellorado a atención ás enfermas. O resultado desta negativa é que enfermos con patoloxías graves acaban agardando tres horas nun corredor e expostos a consecuencias graves para a súa saúde, mesmo o risco de morte inminente. Profesionais do Clínico explicaron o caso dun paciente que tivo que ser entubado no mesmo corredor no que agardaba para ser levado a unha planta.  Os profesionais apuntan que non é un caso illado e que situación é de risco e pode derivan nun caso con consecuencias moi graves.

Unha vez máis son os profesionais os que están salvando situacións de faltas graves nas condicións de asistencia aos pacientes. En Marea solidarízase e respalda todas as accións do persoal do Clínico e da Sanidade galega e a mobilización convocada para o vindeiro día 9 na Praza Roxa de Santiago.

A situación vivida este mércores no Clínico foi denuciada pola Asociación de pacientes e usuarios do CHUS, que explicaron nas súas redes documentando algunhas situacións vividas durante a xornada:

As 14:42 horas un total de 13 pacientes clasificados como graves non puideron ser atendidos, agardando no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas, mentres 10 pacientes estaban ocupando espazos de atención agardando o ingreso en planta.

As 16:21 horas a situación era dantesca: os pacientes graves no corredor de acceso e no de xinecoloxía eran 29 con só 4 sitios libres en observación. O tempo de espera nos corredores ata o momento en que se produce a primeira consulta médica era de 3 horas. A zona de triaxe acumulaba esperas de mais de 1 hora. As 18:30 a situación mantíñase sen cambio algún, os pacientes nos corredores eran 27, e as zonas dispoñibles en observación seguían sendo 4. 

A pesares desta situación e de que chegaron a acceder ao servizo 55 pacientes nunha hora, a xefatura do servizo e a xerencia negáronse a abrir os 15 postos de atención na antiga sala de reanimación dotándoos do persoal necesario para atendelos.

O que segue acontecendo sistematicamente nos servizos de urxencias do CHUS, onde os pacientes estamos sendo obxecto dun intolerable maltrato asistencial, atenta contra o noso dereito a integridade física e psíquica e a intimidade das persoas recoñecidos no artigo 6 da Lei de Saúde de Galicia e é unha vulneración fragrante do dereito a atención urxente do artigo 52.3. do mesmo texto legal. A xerencia ten a obriga legal e directa de garantir e facer efectivos estes dereitos e polo tanto a súa violación flagrante é da súa exclusiva responsabilidade.

Cando se produce unha situación tan grave como a que se viviu o día 2 de xaneiro non é admisible que os responsable das urxencias non poñan todos os medios dispoñibles ao servizo da atención dos pacientes que o requiren por prescrición facultativa. O racionamento dos recursos é un acto contrario ao artigo 5 da carta europea dos dereitos dos pacientes que recoñece o noso dereito a atención sanitaria e ao tratamento adecuado as nosas necesidades de saúde e que obriga a que os servizos estean continuamente dispoñibles e accesibles a todos de xeito equitativo.

A sistemática negación desta realidade por parte da xerencia e a súa negativa a responder favorablemente as nosas denuncias e ás reclamacións dos profesionais sanitarios non deixan mais alternativa que a presión social. Por elo queremos facer un chamamento a todos os pacientes e usuarios a que se manifesten o día 9 de xaneiro en Compostela por unha urxencias dignas, contra o maltrato asistencial e pola defensa do noso dereito a unha atención sanitaria pública, e de calidade.”

Transmitimos a nosa solidariedade e empatía coas persoas enfermas, esiximos responsabilidade á Xerencia de XXI Santiago pola grave incompetencia e deixación de funcións non permitindo abrir zonas específicas para a atención de pacientes urxentes e non axilizando o ingreso de pacientes, así como permitindo que a situación de atención primaria chegue a extremos nos que, pola súa propia saturación, contribúa a sobrecargar o servizo de urxencias.

Avogamos por dotar de recursos suficientes a primaria, as urxencias e axilizar os ingresos. Solidarizámonos coas profesionais e acompañámolas nas súas reivindicacións. Esiximos responsabilidades para evitar os danos a persoas enfermas.