En Marea denuncia o deterioro da atención sanitaria que os recortes do goberno de Núñez Feijóo están a provocar nas zonas rurais

O voceiro Luís Villares visitou esta mañá os centros de saúde de Pontenova e Meira onde comprobou como a decisión de non cubrir as distintas vacantes está a provocar que a poboación non poda ser atendida de xeito adecuado

O voceiro de En Marea, Luís Villares, visitou esta mañá os centros de saúde de Pontenova e Meira en Lugo onde puido comprobar como a Xunta de Galicia está a impor unha continuada redución de servizos na sanidade no ámbito rural. No caso concreto de Pontenova non se vai cubrir unha das prazas de médico alegando que a ratio é suficiente pero a dispersión demográfica e o avellentamento da veciñanza require duns coidados médicos que non se están a cubrir. Existe tamén unha praza de celador que tampouco se está a cubrir e provoca que moita xente maior teña que se trasladar ao centro para pedir cita e facer determinadas xestións que podería facer doutro xeito se esa praza estivese cuberta.

No centro de saúde de Meira, que funciona de forma continuada para atender a toda a comarca, vive unha situación similar. O voceiro de En Marea sinalou a necesidade de contar cun segundo equipo médico completo para dar servizo a toda a poboación. Pero tamén é preciso cubrir unha praza de enfermeiro que está vacante neste momento.

“Non se lle pode pedir á xente que viva no rural cando despois non se lles ofrece servizos básicos como é o dereito á atención sanitaria proxima, vital para salvar vidas e que agora mesmo non se está a producir” denunciou Luís Villares.

Unha situación que non é exclusiva na montaña de Lugo senón que se está a repetir por todo Galicia e que se está a agravar no verán co peche de camas nos hospitais, peche de servizos de pediatría en distintos lugares do noso país que está a provocar unha perda de dereitos e deterioro da calidade de vida das persoas que viven no rural. Ante isto que fai o goberno de Núñez Feijóo? absolutamente nada” remarcou Luís Villares polo que anunciou a intención do seu grupo de continuar a loitar ata lograr que a toda a poboación galega teña os mesmos dereitos e calidade de vida independentemente da zona na que viva.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM